Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobou solicitar a paralización das sancións iniciadas pola Axencia Tributaria contra emigrantes retornados que non declararon a pensión que reciben do estranxeiro

Lugo, 30 de xullo de 2013. Mario Outeiro, portavoz do BNG na Deputación de Lugo e delegado de Turismo na Deputación lucense, destacou, no pleno celebrado esta mañá, o incremento do número de viaxeiros nos catamaráns que xestiona a institución provincial e acusou ao Grupo do Partido Popular de “actuar de mala fe e de falar do que non sabe” cando afirma que as campañas turísticas na Ribeira Sacra non están a ser un éxito.

Neste senso, Outeiro informou de que no catamarán de Doade o número de viaxeiros no que vai de 2013 foi de 9.052 fronte aos 7.476 de 2012, no de Belesar, ascende xa a 1.555 fronte aos 761 do exercicio anterior, e no dos Robles a estas alturas é de 754 viaxeiros superando aos 120 de 2012. “Os números non deixan dúbidas sobre o incremento espectacular do número de viaxeiros nos catamaráns da Ribeira Sacra e este é un dato fundamental para valorar o éxito ou fracaso das campañas turísticas que se desenvolven”, puntualizou o delegado provincial quen tamén insistiu en que os datos desmontan as valoracións infundadas dos populares. “As opinións do Partido Popular teñen pouco valor e aínda menos as que se refiren a que os clubs náuticos se atopan fechados cando o único que está nesa situación é o de Doade e os outros se atopan en proceso de licitación”.

Para o responsábel da área de Turismo provincial “o Partido Popular é o menos indicado en falar do sector turístico cando, excepto no Mediterráneo, a súa política económica está a provocar unha severa diminución do número de turistas e do gasto que estes realizan durante a súa estancia”.

Os nacionalistas piden que os populares que cobraron diñeiro negro invistan as cantidades percibidas en políticas sociais
Durante o debate da moción presentada polo Grupo Provincial do Partido Popular na que se solicitaba o reintegro dos salarios percibidos por Xoán Antón Estúa, os deputados nacionalistas pediron aos populares que conviden aos membros do seu partido que recoñeceron cobrar sobresoldos da contabilidade B cando Bárcenas era tesoureiro da formación a que destinen o cobrado a gastos sociais.

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e o delegado provincial de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, votaron esta moción alzando un sobre en branco, escenificando así a contabilidade B dos populares e porque entenden que a moción presentada polo Grupo do Partido Popular é unha das súas múltiples “canalladas” ao fundamentarse nunha mentira.

Sobre este asunto, Veiga lembrou que Xoán Antón Estúa foi nomeado como persoal administrativo de apoio ao Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego por decreto do 8 de agosto de 2011 e non como persoal eventual de gabinete, e así aparece, tamén, na Relación de Postos de Trallado de 2012, publicada no Boletín Oficial da Provincia do 2 de febreiro de 2012 e na de 2013, publicada o 27 de febreiro de 2013.

“Os membros do Grupo Provincial do PP –continuou Veiga- saben que menten e non lles importa, porque o seu partido é o partido do diñeiro negro, dos sobresoldos e dos enganos. Para dar leccións de ética, señora Candia, a alforxa non ten que estar chea de votos, senón cargada de honradez; algo que no seu partido non existe. Non estamos dispostos a asumir leccións do partido de Bárcenas, do partido da Gürtel, do partido que recorta dereitos e poder adquisitivo aos cidadáns e despois remunera aos seus cargos con sobres cheos de diñeiro negro, do partido que se financia das mordidas das grandes obras públicas o que repercute na calidade das mesmas e que incluso podería por en perigo vidas humanas. En definitiva, non estamos dispostos a recibir leccións de ética dunha forza política que non ten un mínimo de humanidade. O que ten que facer é convidar aos membros do seu partido que recoñeceron cobrar sobresoldos, como Pío García Escudero, compañeiro no Senado do lucense Xosé Manuel Barreiro, ou Ignacio del Burgo, a investir eses cartos en accións sociais”.

O vicepresidente da Deputación concluíu este asunto pedindo ao Partido Popular lucense que explique as súas contas; “queremos saber se os sobres e o diñeiro a toca tella é tamén unha práctica habitual entre os dirixentes do PP en Lugo”.

Pensións do estranxeiro
Por outra parte, a Deputación aprobou cos votos a favor do equipo de goberno a moción na que se insta ao Goberno do Estado a paralizar os expedientes sancionadores iniciados pola Axencia Tributaria contra os emigrantes que se benefician de pensións consolidadas no estranxeiro e que non declararon até o de agora.

Tal e como defendeu Mario Outeiro, “é inadmisíbel e inmoral que mentres aos evasores fiscais se lles conceden amnistías, aos emigrantes retornados, que se viron obrigados a abandonar o país en busca dunha vida digna, se lles ameace con sancións que roldan os 15.000 euros pero que incluso poden chegar aos 110.000 euros e lles prometan flexibilidade para facer os pagos. É un ataque aos nosos maiores que están a ser o único sustento de moitas familias”.

Na moción recórdase que os afectados nunca recibiron información en relación á súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer a declaración anual do Imposto da Renda sobre Persoas Físicas o que confirma a falla de intencionalidade para defraudar. Ademais, os estados pagadores nunca expediron ningunha certificación en relación ás cantidades percibidas.

Exit mobile version