Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación incrementa en 2,7 millóns de euros os investimentos para cooperar cos Concellos e benestar social

Logo de amortizar recentemente 3,5 millóns de débeda con remanentes, convertendo á de Lugo na 1ª Deputación en Galicia e na 5ª en España menos endebedada, o organismo provincial incrementa agora en 2,7 millóns de euros os investimentos para cooperar cos Concellos e benestar social tamén con remanentes. Así o acordou o Pleno Provincial este martes, co voto a favor de PSOE e BNG e abstención do PP. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, salientou que “grazas a unha xestión responsable e eficaz, na que combinamos políticas de crecemento coas de contención do gasto, somos capaces de aumentar os investimentos desta institución en impulso dos sectores estratéxicos da nosa economía e dos servizos sociais, demostrando que fronte ós austéricos recortes hai outra forma de facer as cousas”.

García Porto adiantou que o 70% desta cantidade é para investimentos directos nos Concellos mentres que o 30% restantes son para familias e institucións sen ánimo de lucro. Deste xeito, 2,2 millóns de euros son para melloras nas dotacións públicas municipais ós veciños –primando as zonas rurais-, así como para actuacións que dinamicen a gandeiría, agricultura, pesca, artesanía, turismo, cultura e deportes. O medio millón restante é para servizos sociais, “nun momento no que prima a contradición entre as principais administracións no país, poñendo en perigo as prestacións básicas ós cidadáns, cando o Goberno de España vén de aprobar unha reforma da Administración Local que outorga as competencias dos servizos sociais nos Concellos ás Comunidades mentres a Xunta de Galicia se nega a asumilas, impoñendo un decretazo”.

A asistencia ós municipios, con medidas que impulsen a economía e o emprego, así como o impulso dos servizos sociais, son as máximas da Deputación, centralizando o Orzamento da Deputación para 2013, dotado de case 90 millóns de euros, ós que agora se suman estes 2,7 millóns. García Porto destacou que “con recursos propios, conseguimos financiar, non só os gastos correntes desta institución, senón os investimentos para xerar riqueza e emprego na provincia. É dicir, sen ter que recorrer a novos préstamos bancarios, feito que nos permite manter unhas contas saneadas e seguir reducindo a débeda, cumprindo ademais coa Lei de Estabilidade Orzamentaria, non deixamos de investir en Lugo, demostrando que este Goberno Provincial está á altura das circunstancias”.

Minuto de silencio
A sesión plenaria arrancou cun minuto de silencio polas vítimas na traxedia ferroviaria en Santiago de Compostela, co que a Corporación Provincial quixo expresar novamente “as nosas condolencias e solidariedade coas familias dos falecidos, e os nosos mellores desexos para as persoas feridas que están en proceso de recuperación. Os lucenses sentímonos orgullosos de ser galegos polas mostras de solidaridade e comportamento exemplar que amosou o noso pobo nun dos momentos máis tráxicos da nosa historia”, destacou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

1º central de compras na provincia
Co apoio do Goberno Provincial e a abstención do PP, o Pleno aprobou a creación da 1º central de compras na provincia, na que a institución leva meses traballando, para a contratación conxunta de servizos municipais que permita aforrar custes ós Concellos. Por exemplo, servizos telefónicos ou subministros. Este proxecto enmárcase na aposta da Deputación por xeneralizar os acordos marcos como fórmula de continuar na racionalización e optimización do gasto público. Baixo esta premisa, a institución xa realizou varias adxudicacións conxuntas para os municipios, concretamente a de equipamento enerxético, acadando un aforro inicial dun 20% ós Concellos, que nalgúns casos ascende ó 30%.

Enfermería
Ó Pleno Provincial acudiu un colectivo da enfermería, xa que se debatiu unha moción do equipo de goberno, aprobada cos votos a favor dos Deputados de PSOE e BNG ó contar coa abstención dos do PP, que insta á Xunta a cubrir as baixas, vacacións ou prazas vacantes destes profesionais nos centros de saúde do SERGAS ante a queixa do Valedor do Pobo, e cando 1.000 lucenses deste sector están en paro.

A Deputación tamén acordou esixir ós Gobernos central e galego a que manteñan as súas liñas de axudas ós gandeiros logo de recortalas en case 600 millóns de euros: o Executivo estatal baixou este orzamento en 255 millóns no 2012 e 199 millóns este ano, mentres que a Xunta diminuíuno en 70 millóns e en 50 millóns, respectivamente. A moción do grupo socialista foi aprobada malia a abstención do PP.

Exit mobile version