Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rematou as obras de acondicionamento das estradas en máis de 40 concellos da provincia

obras-rebacheoDende que comezou a primeiros do mes de xuño, o Plan de Rebacheo 2013 da Deputación acometeu melloras en 41 concellos nos que as obras se dan por terminadas. Son municipios de toda a xeografía lucense entre os que se atopan tanto a zona da costa, como da montaña, o interior ou a Terra Chá. Deste xeito se acometeron melloras en concellos como Burela, Cervo, Vilalba, Muras, Xermade, Ribadeo, Foz, Lourenzá, Cospeito, Castroverde, A Pastoriza, Monterroso, Guitiriz, Samos, O Incio, Quiroga, Pantón, Sober ou Bóveda, entre outros. En total, estes municipios suman algo máis de 2.455 quilómetros de estradas provinciais o que ven sendo o 60% da extensión de titularidade da Deputación.

Nesta fase do Plan de Rebacheo as máquinas están a traballar en 4 concellos: Abadín, Begonte, Cervantes e O Saviñao, mentres que en outros 7 as obras aínda non remataron: Trabada, O Corgo, Outeiro de Rei, Lugo, Castro de Rei, Palas de Rei e Becerreá. Entre todos estos concellos suman un total de 871 quilómetros.

Pendente de próxima execución quedan tan só 909 quilómetros daqueles concellos nos que comezarán as obras nos vindeiros días para ter rematado, previsiblemente en agosto. Na derradeira fase do plan de rebacheo se acondicionarán as estradas de 15 concellos que supoñen o 20% da rede provincial. Son os municipios de O Valadouro, Alfoz, Baleira, Baralla, Rábade, Meira, Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Friol, Guntín, Taboada, Chantada e Carballedo.

No Plan de Rebacheo 2013 da Deputación participan 50 operarios e 32 máquinas que levan dende xuño traballando para acondicionar as estradas da provincia. Os concellos están organizados por zonas segundo as necesidades de actuación. Os traballos se prolongarán ata agosto para mellorar as comunicacións nos 67 concellos da provincia.

Importante investimento nas estradas
O Plan de Rebacheo da Deputación supón un importante investimento por parte do organismo provincial que inviste nestas actuacións 5 millóns de euros. Hai que ter en conta que a rede viaria provincial é a máis extensa de España cun total de 4.200 quilómetros de estradas.

Outras accións anteriores do organismo provincial permiten o aforro de custes de mantemento. A Deputación empregou en 1.000 quilómetros de estradas aglomerado en quente, material que mantén en boas condicións os viais por máis tempo, o que permite reducir, ano tras ano, a superficie de estradas que é preciso arranxar.

O Plan de Rebacheo é unha actuación importante da Deputación na rede viaria provincial pero non é a única. No afán do organismo provincial por mellorar as comunicacións acometéronse nos últimos anos notorias actuacións como a sinalización e o balizamento das vías dos 67 concellos lucenses. Entre outras actuacións, destacan a colocación de máis de 3.400 sinais, un milleiro de paneis direccionais e 400 balizas de neve. Ademais a Deputación sinalou coa súa denominación mediante fitos quilométricos todas as estradas da rede viaria provincial e instalou 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.

Exit mobile version