O Volante Deputación de Lugo é un programa de selección e formación para novos pilotos que pretende achegar ao mundo da competición automobilística a calquera persoa sen experiencia, vivíndoo dende dentro dun rally como é o San Froilán e combinando deporte e formación. O piloto gañador poderá competir no Rally San Froilán con todo o necesario para facelo ao amparo dun equipo ao completo: vehículo de competición, copiloto experimentado, servizo de asistencia no rally, pneumáticos, equipo técnico e mecánico e inscrición no rally.
Na súa intervención, Antonio Veiga destacou “a importancia desta proba deportiva en canto supón un impulso para o deporte do automobilismo na provincia e facilita a participación de afeccionados do mundo do motor no Rally San Froilán, unha competición que este ano acada a súa XXXV edición e que se ten convertido en toda unha referencia tanto a nivel nacional como estatal”.
Tras un período de formación e as probas de selección, que se realizaron no Circuíto da Pastoriza os días 21, 22, 23 de xuño, nas que participaron un total de 328 condutores e que estiveron supervisadas por un xurado composto por pilotos, monitores de PTC e colaboradores deste proxecto, clasificáronse 39 finalistas. O 14 de xullo, pola mañá, disputarase unha primeira proba da que sairán 6 seleccionados que competirán, pola tarde, na final, na que se establecerán o gañador e o segundo e terceiro finalista.
O gañador absoluto será seleccionado como piloto e participará no Rally San Froilán 2013 dentro da estrutura do equipo de competición Vallejo Racing-PTC de forma totalmente gratuíta, compartindo experiencia co gañador do ano pasado, que volverá a participar este ano. O segundo e terceiro clasificados recibirán como premio unha formación especifica de piloto recibindo un curso multidisciplinar de competición, curso ao que loxicamente tamén terá acceso o vencedor.