Site icon Crónica3.com A Mariña

A IV Baixada do Faro en longskate chega este sábado con 375 euros en premios

Cervo, 24 de xullo de 2013.- O Concello de Cervo e o Club Limosa Surf presentaron este mércores a IV Baixada do Faro Longskate Board que terá lugar o sábado 27 de xullo ás 16:00 horas. Unha actividade deportiva e para a mocidade que organizan de forma conxunta e na que está prevista a participación de afeccionados de distintos puntos de Galicia, Asturias, Madrid e incluso de Nova York.

A baixada desenvolverase nun circuíto pechado duns 400 metros na península de San Ciprián, que estará delimitado e contará con medidas de redución do impacto en caso de caída. Un itinerario que partirá do Faro Punta Atalaia e discorrerá pola estrada paralela á costa que baixa cara as praias “o que ofrece aos competidores unhas vistas espectaculares durante o descenso” explica a edil de Xuventude, Yolanda Pedreira, que participou na presentación xunto ao alcalde, Alfonso Villares e o representante do Club Limosa Surf, Carlos Rodríguez Pla.

Para o correcto desenvolvemento das probas realizarase un corte de tráfico na zona afectada polo circuíto, aínda que quedará libre a rotonda situada no porto. En canto ao funcionamento da Baixada, cada participante realizará tres descensos, aínda que só se contabilizarán os dous mellores tempos de cara á clasificación final. Unha vez rematadas todas as baixadas e feito o reconto de puntuacións realizarase unha nova baixada cos catro participantes que obtiveran mellores resultados para decidir os seus postos na clasificación.

Eses catro primeiros repartiranse 375 euros en metálico, de forma que o gañador levará 200 euros, o segundo clasificado 100 euros, o terceiro 50 e o cuarto 25 euros. Ademais todos eles recibirán un trofeo de cerámica Gudín e regalos variados. Tamén está previsto entregar trofeos sorpresa a participantes con algunha peculiaridade. Ademais, habilitarase equipamento para que os asistentes que o desexen realicen saltos acrobáticos. Dende a organización advirten de que será imprescindible o uso de casco como medida mínima de seguridade para todos os participantes.

Ademais, a festa continuará pola noite no Pub Nordeste, onde o grupo punk-rock Agoraphobia, de Boiro, ofrecerá un concerto. No transcurso dese evento musical a organización realizará un sorteo de diverso material de skate entre todas aquelas persoas que mercasen rifas.

A edil de Xuventude quixo destacar que “a estrada que baixa dende o faro cara o núcleo de San Ciprián é un lugar idóneo para este tipo de proba, tanto pola pendente como polas curvas, que lle engaden un punto de dificultade” explica Pedreira. Ao mesmo tempo, a chegada de deportistas de distintos lugares demostra “a capacidade de dinamización turística deste evento, que terá impacto nos locais hostaleiros e comerciais da vila”.

Exit mobile version