Site icon Crónica3.com A Mariña

A limpeza do castro de Zoñán e a adecuación da sala de usos múltiples como local de exposicións levaranse adiante grazas a sendas iniciativas dos populares mindonienses

Mondoñedo, 24 de xullo de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo logrou sacar adiante onte en sesión plenaria as dúas propostas que presentara, e nas que instaba ao equipo de goberno a que realizara as labores de desbroce e limpeza necesarios no Castro de Zoñán, así como a adecuación da sala de usos múltiples, localizada no primeiro andar da biblioteca, como sala de exposicións.

Os populares censuraron no seu momento que o Castro de Zoñán se vexa cuberto de herba, presentando un lamentable estado de mantemento logo dos traballos de restauración realizados nel. Así, dende o PP valoraban a posibilidade de crear unha comisión de voluntarios en colaboración co Concello para adecentar o entorno desta localización, ofrecéndose a formar parte. Neste senso, os populares explican que en sesión plenaria o equipo de goberno aceptou a súa proposta e informou que desbrozarían esta zona coa brigada de incendios concedida pola Xunta de Galicia, atendendo así a petición dos populares.

De igual maneira, o pleno municipal aprobou por unanimidade que a sala de usos múltiples localizada no primeiro andar da biblioteca municipal, se converta nun espazo adecuado para exposicións. Os populares denunciaban que esta localización, situada en pleno casco histórico, estivese infrautilizada, pese a ter opción de converterse nun lugar que chamara aos turistas e visitantes.

Outras propostas
Durante a sesión plenaria celebrada onte, os populares tamén mandaron cursar petición de arranxo urxente do semáforo situado na Avenida de Bos Aires. Neste senso, dende o Grupo Popular anunciaron que dita petición, de non cumprirse, presentarase vía moción para o seu debate na próxima sesión plenaria, e pedirase que mentres non se arranxe esta sinal, que se sinalice o seu non funcionamento xa que o reflexo do sol, induce a error. Os populares cualifican esta situación de “triste” ao “non ser capaces de que funcione o único semáforo que existe no Concello”.

De igual maneira, os populares tamén trasladaron en sesión plenaria a petición de que se arranxe a falta de presión de auga nas vivendas do entorno de Viñas da Veiga, unha circunstancia que os veciños xa veñen de sufrir en anteriores anualidades. Asemade, o Grupo Popular tamén insistiu na perigosidade que desprende unha barricada entre as aldeas de Pelourín e Pumariño, que se atopa sen sinalizar.

Por último, os populares explican que o equipo de goberno recoñeceu que o corte das rúas do centro ao tráfico durante os meses de verán se levou a cabo por decisión do bipartito, xa que nin o sector nin as asociacións o reclamaron.

Exit mobile version