Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Fuente subliña que a seguridade nas praias barreirenses está garantida, que as augas están en perfectas condicións e que os areais están limpos

Barreiros, 29 de xullo de 2013. As bandeiras azuis nas praias de Arealonga, As Pasadas e San Bartolo serán izadas de novo ao longo dos vindeiros días. O alcalde, Alfonso Fuente, subliña que a seguridade nos areais está garantida, que as augas están en perfectas condicións e que as praias están limpas.
O rexedor explicou que “cando nalgún momento, temporalmente, non se cumpren os criterios de bandeira azul o que se fai é baixar o galardón para non dar lugar a error ou a equivocacións aos visitantes desas praias”.

Fuente Parga dixo que “na praia de San Bartolo o mar sacou moita area nas últimas semanas e hai moi pouca afluencia de bañistas neste momento. Alí hai un socorrista só cando bandeira azul fala de que hai que ter dous en cada praia. E tamén nas Pasadas pasa o mesmo, é dicir que só hai un socorrista no areal. Por ese motivo tivemos que baixar temporalmente as bandeiras azuis, ata cumprir cos criterios que nos marca Adeac. E en Arealonga hai un vertido no regato que estamos tentando controlar e no momento en que estea controlado volverá izarse a bandeira azul”.

O alcalde barreirense insistiu en que “a seguridade nas praias está garantida e non hai ningún problema, a pesares de haber un socorrista só nalgúns casos. O que non menciona bandeira azul son as dúas zodiacs que temos funcionando en Barreiros no mar e en cada unha delas traballan dous socorristas. Nós poderíamos cumprir tranquilamente os criterios de bandeira azul parando unha das zodiac e poñendo un socorrista en cada praia afectada a maiores. Así cumpriríamos con esas directrices, pero só teríamos unha embarcación en funcionamento e aí quizais poderíamos perder seguridade nas praias de Barreiros”.
Alfonso Fuente puntualizou que “non se perden bandeiras azuis, hai tres que están baixadas temporalmente. Isto xa ocorreu o ano pasado e o anterior nos momentos nos que non se cumpren os criterios que marca Adeac. Ditos criterios teñen que ser estritos e así o están a facer. Nós respectamos esas normas, senón non teríamos presentado a candidatura das nosas praias para obter eses galardóns. Os criterios teñen que ser estritos, porque xa en Galicia levamos sete ou oito afogados este verán”.
Alfonso Fuente Parga anunciou que “o que imos facer, si mellora o tempo tamén porque o que non queremos é ter recursos ociosos, é que desde o primeiro de agosto haberá eses dous socorristas en cada unha das praias (As Pasadas e San Bartolo), pero todo o mundo ten que estar tranquilo, todo o mundo pode ir ás praias, hai seguridade nelas, a calidade da auga está garantida polas analíticas que se realizan, as praias están limpas e se pode facer uso delas sen problema”.

O rexedor lembrou que “hai uns días tiñamos que facer un rescate de tres persoas: unha rapaza e a súa nai e despois entrou o pai para axudarlles a saír, aínda que el non sabía nadar e de repente nos encontramos con tres persoas que necesitaban axuda. Se non fose polas zodiacs os dous socorristas en praia non terían sido capaces de sacalos aos tres, pero como tiñamos as embarcacións si puideron rescatarse os tres e hoxe podemos dicir que non houbo maior problema que o apuro sufrido por esta familia. Era unha rapaza invidente que tamén quería disfrutar a auga, quixo bañarse coa súa nai e para iso está o servizo de salvamento, para procurar que non pase nada”. E engadiu que “todos os anos se fan moitas intervencións. Todo este mes de xullo que levamos os rapaces cumpriron co seu traballo, estano a facer ben, pero iso non quere dicir que mañá ou dentro duns días poidamos ter calquera percance na costa. O que non pasou nun mes, pasa nun día ou nunha hora, pero se está a traballar moi ben, están moi pendentes da xente que está auga. Iso é fundamental que poidamos rematar o verán sen falecidos nas nosas praias. Iso aválanos ano tras ano. Si houbese descoordinación iso sería un problema”.

Exit mobile version