Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida pide a Xosé Manuel Barreiro que explique as contas do PP lucense

A Mariña, 31 de xullo de 2013. A responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Mariña, Ana Ermida, recomenda ao presidente do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, que “sexa prudente coas súas declaracións e non insista en que poñería as dúas mans no lume e unha terceira se a tivera pola honradez de Rajoy e Cospedal porque corre o risco de sufrir queimaduras con consecuencias severas, xa que veranea na Mariña e o Hospital da Costa está saturado debido aos recortes que está a promover a Xunta e non lle poderían ofrecer a atención precisa”.

Así de contundente se amosou esta mañá Ana Ermida para quen as declaracións do líder dos populares lucenses son “unha mostra do nerviosismo que existe no Partido Popular en relación á súa contabilidade. Non só as contas do Partido Popular en Madrid están baixo sospeita, tamén o están as do Partido Popular en Galiza en canto foron xestionadas durante moitos anos por Pablo Crespo, un dos principais implicados na trama Gürtel”.

Desde a formación nacionalista lembran que o xuíz instrutor do caso Gürtel solicitou informes sobre a adxudicación á construtora Hispanitas de actuacións en Foz e no porto de Ribadeo. “Barreiro non pode dicir que non sabe nada disto nin doutras concesións de centrais hidroeléctricas, minicentrais a empresas vinculadas á presunta financiación ilegal da súa formación porque naqueles momentos era conselleiro de Medio Ambiente. Con isto non estamos a dicir que as adxudicacións e as concesións estean mal dadas, senón que ten que dar explicacións sobre a financiación do PP lucense”.

Para Ermida, Barreiro ten que explicar se o Partido Popular lucense tamén se sumou ao pago de sobresoldos con diñeiro negro aos seus cargos; “Debe ofrecer explicacións de xeito urxente porque os rumores sobre este tema están na rúa e como cargo público que é, debe atender ás sensibilidades do pobo e dar respostas ao que os cidadáns demandan”.

Exit mobile version