Lugo, 3 de xullo de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acusou á Deputación Provincial de Lugo de usar manobras dilatorias para entorpecer a posta en marcha dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), poñendo en risco a seguridade dos cidadáns.
Arias amosouse estrañada pola actitude da Deputación Provincial de Lugo con respecto a posta en marcha da comisión de seguimento dos GES, urxindo á unha xuntanza da mesma cando nin tan sequera eles teñen nomeado ao seu representante.
A delegada criticou tanto as formas en que se realizou esta petición, mediante unha rolda de prensa “que semella un acto máis de campaña de Besteiro”, como o fondo da mesma, posto que “polo momento o propio ente provincial non comunicou quen o representará nese órgano de seguimento”.
O Executivo galego entende que a comisión é o órgano axeitado para velar polo cumprimento das normas de organización e funcionamento dos GES, se ben “a constitución da comisión de seguimento en ningún caso interfire cos procesos de selección do persoal que os concellos están realizando neste momento”. En todo caso, a delegada insistiu en que “todas as partes implicadas terán que cumprir o pactado nos convenios”.
Arias afirmou que a Xunta de Galicia solicitará oficialmente a todas as partes implicadas que nomeen aos seus representantes na comisión para proceder a convocar unha reunión de xeito inmediato, a principios da próxima semana se é posible. Forman parte da citada comisión a Deputación Provincial, a Fegamp e as consellerías da Vicepresidencia e de Medio Rural e do Mar.
A delegada considerou que a postura do ente provincial lucense “retrata unha vez máis a actitude tanto de Besteiro como dos alcaldes socialistas, que están máis preocupados de crear alarma e de entorpecer a posta en marcha de servizos que de xestionar en favor dos cidadáns lucenses”.
“Lamentablemente –engadiu- este é un comportamento habitual por parte do presidente da Deputación de Lugo que, sen necesidade de remontarnos moito atrás, rexeitou nas últimas semanas outras liñas de colaboración coa Xunta, como a relativa ao financiamento dos servizos sociais, por segundo ano consecutivo”.