Á habitual queimada dos venres nas terrazas do cámping Gaivota, aberta a todo aquel que se queira achegar, sumarase a partires das 23 horas a actuación de Cé Orquestra Pantasma. Baixo este nome agóchase o vigués César Frieira, un apaixoado da música que chegou a formar parte de grupos tan distintos como A Roda ou a banda punk Oxtiax ke te pariu. Segundo nos conta Celso Dourado “a actuación do polifacético e un tanto excéntrico Cé Orquestra Pantasma, que nos deleitará co seu espectáculo, é o inicio dunha serie de actividades que se realizan porque este ano en concreto celebramos o quinto aniversario da creación do Eido Dourado e o 25 aniversario do cámping Gaivota”.
As actividades serán na súa maioría concertos e, como explica Dourado, “serán normalmente os venres nas terrazas do Gaivota e os domingos á noitiña nos xardíns do Eido. Dentro dos concertos do cámping haberá máis folk e música da terra e no Eido Dourado serán máis ben de danza contemporánea e música alternativa ou un pouquiño de minorías, poderíamos dicir”.
Tanto nun caso como o outro, celebraranse durante todo o verán e ao aire libre, polo que o artista barreirense agarda que “o tempo nos axude un pouquiño”.