Site icon Crónica3.com A Mariña

As monitoras de GAIA promoven entre os máis pequenos ‘Atención Medusas’ na praia do Portelo

Burela, 16 de xullo de 2013. Mañá, mércores 17 de xullo, realizarase na praia de Portelo a actividade Atención Medusas, promovida polas monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia, e destinada aos máis pequenos.

Os nenos e nenas que se acheguen ata o areal poderán coñecer qué son as medusas, as especies máis frecuentes nas costas españolas e as posibles causas da súa proliferación. Tamén, coa axuda dunha guía identificativa, aprenderán as súas partes, o nome científico e común, a cor e, por suposto, a súa perigosidade.

Os socorristas da praia do Portelo cumprirán outra función moi importante dentro da actividade, xa que darán aos rapaces algunhas recomendacións que debemos ter en conta como bañistas en caso dunha picadura, como son:
-Non tocar as medusas mortas ou cachos delas, porque o seu poder urticante persiste ata 14 horas en condicións de sequidade.
– Non fregar a zona afectada.
– Lavar a zona con auga mariña, nunca con auga doce.
– Para aliviar a dor, aplicar frío durante 15 minutos, sen fregar. Podemos utilizar xeo.

Con isto, as monitoras do Centro de Educación Medioambiental abordan a difusión da información sobre as características biolóxicas e ecolóxicas destes organismos.

Exit mobile version