Site icon Crónica3.com A Mariña

Autónomos: Menos burocracia, máis confianza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asumiu o compromiso de impulsar as iniciativas precisas para que en Galicia o sector comercial tivera menos trabas á hora de abrir os seus negocios. Trátase de poñer en marcha distintos apoios para que, nun contexto económico complicado, a burocracia e a falta de financiamento non siga a ser un obstáculo.

Para facer realidade este compromiso, o Consello da Xunta remitiu ao Parlamento o proxecto de lei pensado para que poidan abrirse negocios sen necesidade de licenza previa, cunha simple comunicación ao Concello.

A maiores, o Goberno galego acordaba aumentar de 15 a 20 millóns os fondos públicos e privados que se mobilizarán para conceder microcréditos e poñer en marcha un fondo de capital risco para apoiar aos autónomos.

A simplificación dos trámites precisos para poñer a andar un negocio xunto ao reforzo do respaldo financeiro nun 33% fará posible que unha empresa poida constituírse en 24 horas, fronte ás 48 actuais.

Os profesionais terán á administración autonómica, ao IGAPE, como principal aliado tanto para a avaliación da viabilidade do seu proxecto, como no apoio económico ao mesmo.

En materia fiscal, autónomos, sociedades cooperativas e laborais, poderán beneficiarse con carácter retroactivo -desde o 1 de xaneiro- dunha dedución do 20% no IRPF e do 95% -sen límite de idade- no imposto sobre actos xurídicos documentados.

Falamos dun conxunto de medidas de apoio que só en Lugo poderían beneficiar a entorno a 35.000 profesionais autónomos e un número importante de novos emprendedores de todos os sectores: comercios minoristas de alimentación fresca -froiterías, carnicerías, peixerías, panaderías, pastelerías ou xeaderías), adegas ou autoservicios. Tendas de roupa, parafarmacias, perfumerías, de mobles e electrodomésticos.. e así un longo etcétera

O que o Goberno galego está a facer, a iniciativa do Partido Popular, e aplicar un modelo que faga menos custoso emprender en Galicia e máis rápido poñer en marcha unha empresa. Unha fórmula que aspira a elevar nun 60% a cifra de novos empresarios, baixo un principio moi simple: menos burocracia e máis confianza, estar ao carón dos profesionais que teñen na súa man xerar capacidade económica e emprego.

José Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento galego

Exit mobile version