Site icon Crónica3.com A Mariña

Bandeiras a media hasta e 5 minutos de silencio en todos os municipios galegos en sinal de duelo polos falecidos no accidente de tren preto de Compostela

A Federación Galega de Municipios e Provincias enviou aos 314 concellos da comunidade unha carta do seu presidente, o alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, na que convoca para este venres 26 de xullo ás 12 do mediodía cinco minutos de silencio “en recordo dos falecidos e como mostra de duelo” fronte ás dependencias municipais polo tráxico accidente de Santiago.

Rey Varela adoptou esta decisión conxuntamente cos tres vicepresidentes da Fegamp, os alcaldes do Barco de Valdeorras (Alfredo García), Allariz (Francisco García), e Cervo (Alfonso Villares).

A Fegamp atrasa a súa convocatoria de cinco minutos de silencio ao día de mañá pola festividade de hoxe en toda a comunidade autónoma, á vez que agradece as condolencias e as mensaxes de pésame que está a amosar o municipalismo español.

Asemade, a Fegamp traslada o seu máis sentido pésame a todos os familiares das persoas falecidas, e expresa a súa solidariedade cos dos feridos no accidente.

A Fegamp informou tamén aos consistorios da comunidade do sete días de loito decretados pola Xunta de Galicia, que comezarán este xoves 25 de xullo, e que deberán ter a media asta e con crespón negro as bandeiras oficiais en todos os edificios públicos.

Por último, Rey Varela agradeceu expresamente a todos os efectivos dos equipos de emerxencias, corpos e forzas de seguridade do Estado, policía local e sanitarios “o seu traballo profesional e entregado para atender desde o primeiro momento ás vítimas desta indeleble traxedia”.

Exit mobile version