Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro comeza a recollida de avais para “atopar na militancia” o seu “equipo” e abre un blog para facilitar o envío de apoios

O aspirante á secretaría xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro pon desde este luns a disposición da militancia o blog gomezbesteiro.com e o correo electrónico apoio@gomezbesteiro.com para facilitar o acceso ao seu proxecto e o envío de apoios a través de internet. “Quero facer da militancia o meu equipo”, di o socialista, que afirma que cada aval que reciba desde hoxe a ata o vindeiro 2 de agosto será “unha peza” do seu “compromiso”, a “garantía do cumprimento dos ideais socialistas” e “a sinatura dun vínculo coa militancia e coa sociedade a través da rendición de contas e da transparencia”. Gómez Besteiro pide “a confianza e apoio para ser candidato oficial á Secretaría Xeral do PSdeG cun novo proxecto compartido, integrador, galego e de esquerdas, no que a rexeneración democrática sexa o medio para acadar o verdadeiro fin do Socialismo: dar resposta á cidadanía como única alternativa sólida de goberno que somos fronte á dereita a dereita máis dura dos últimos 30 anos”.

“Vós decidides. Hoxe, co voso aval. O 7 de setembro, co voso voto”, dille Besteiro á militancia, á que lle lembra o seu “compromiso persoal” de non presentarse ao Congreso se antes non gaña a consulta coa militancia, para comezar a construción dun proxecto “de abaixo arriba”. Asimesmo, incide no seu obxectivo de “acadar apoios sen ataduras nin hipotecas” de ningún tipo. “A miña corrente é o PSdeG e o meu equipo, a militancia”, afirma o socialista, que debe acadar 1.125 apoios asinados antes do 2 de agosto para ser candidato oficial á Secretaría Xeral.

Blog gomezbesteiro.com
Co blog gomezbesteiro.com, creado a través da rede social gratuíta Tumblr e co apoio dos voluntarios da súa candidatura, quere abrir outra vía para “un diálogo aberto, libre e construtivo con toda a militancia e a sociedade” galega. “A meta é continuar sumando ideas para un novo proxecto de futuro do socialismo que teño a determinación de liderar”, afirma Besteiro, que agradece “todo o vivido e aprendido nestes meses” no seu percorrido polas agrupacións de toda Galicia. O blog recolle as principais ideas forza das visitas que mantivo ata agora coa militancia galega, e que continuarán nos próximos días ata cubrir todas as comarcas e cidades galegas, coa opción de facer comentarios e aportar ideas.

Asimesmo, o blog conta cos apartados “Son así”, para achegar a súa persoa e traxectoria ás persoas que o visiten, recolle entrevistas en diversos medios de comunicación nas que transmite as súas ideas, ten o espazo #Falamos, no que a xente pode mandarlle mensaxes directas e privadas para comunicarse con el, e recolle un resumo do seu proxecto e eixos programáticos. Desde o propio blog tamén se dá a posibilidade de subscribirse ás noticias ou seguir a súa conta de Twitter @jrgomezbesteiro.

Exit mobile version