Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro incide nas medidas de “transparencia” como “base imprescindible para ter a confianza da xente”

COMPOSTELA 1José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG-PSOE, reuniuse esta noite en Sigüeiro cos militantes da comarca de Compostela para presentar o seu proxecto de partido, escoitar as aportacións da militancia e respostar preguntas sobre o modelo orgánico e político. Gómez Besteiro incidiu nas medidas de “transparencia” polas que vén apostando nas súas visitas por Galicia, como poñer a disposición da cidadanía as contas anuais e electorais no mesmo momento no que se remiten ao Tribunal de Contas. “A transparencia non é unha opción, é un deber e un dereito para a cidadanía, ante a que temos que render contas, e é a base imprescindible para ter a confianza da xente”, afirmou.

Gómez Besteiro defendeu ante a militancia que “os partidos políticos, máis que nunca, deben ser exemplo de rexeneración democrática, e adaptarse á esixencia de información actual con total normalidade”. O socialista situou estas medidas no actual contexto e dixo que “a falta de información dun partido nunca debe ser a noticia”, polo que lamentou que “coa situación de extrema gravidade do país, o PP só sexa noticia polos escándalos das súas contas, e por ser máis un problema que unha solución”.

Estas ideas van en consonancia coa aplicación dun reglamento de Código Ético con medidas de transparencia que o socialista xa vén adiantando nas súas reunións por Galicia. Este novo código contempla medidas que fomentan a participación e a rendición de contas pública. Entre elas, a publicación dos salarios da cúpula e dos representantes do partido a diferentes niveis, a obriga de aceptar e respostar a preguntas en todas as roldas de prensa, as sancións polo incumprimento de responsabilidades de representación ou programáticas ou o acceso á información e o traballo realizado polo partido a través das novas tecnoloxías e de reunións periódicas coa militancia e a cidadanía.

Exit mobile version