Gómez Besteiro argumentou esta necesidade tras afirmar que “na actualidade, a perda de credibilidade dos partidos políticos empeza polo incumprimento dos seus propios programas, como está a suceder agora de xeito inaceptable por parte dos gobernos do PP”, e apostou por “devolverlle lexitimidade aos eixos programáticos” como “base para recuperar a credibilidade da xente”. O socialista incluíu esta proposta nun dos temas centrais do seu proxecto orgánico, que ten a rendición de contas e a transparencia como un dos principais obxectivos para “a necesaria rexeneración democrática” do partido.
Bases ideolóxicas firmes
O aspirante á secretaría xeral destacou que “hai liñas vermellas que o PSOE nunca pode traspasar nin permitir” por “respecto e compromiso coa súa militancia e cos seus votantes”, por iso reivindicou ante a militancia da comarca lucense un proxecto “sobre as bases ideolóxicas firmes que deben identificar sempre ao socialismo” e coa “coherencia” como valor fundamental. “Necesitamos un novo relato que mude a orfandade política actual por novas formas de facer política desde a esquerda como partido transformador que somos”, afirmou Gómez Besteiro, que quere un proxecto “claramente definido e baseado na igualdade, na xustiza social e na solidariedade, que reforce a consideración do público”.
Besteiro volveu realizar hoxe un acto coa militancia en Lugo, desta volta comarcal, sete meses despois do seu encontro provincial Partido Aberto, Goberno Aberto na facultade de veterinaria lucense, no que adiantou a súa intención de aspirar á secretaría xeral e no que impulsou os grupos de traballo dos militantes, cuxas conclusións e aportacións son xa unha realidade para o proxecto socialista.