Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro: “Só me presentarei ao Congreso se na consulta previa consigo o apoio maioritario da militancia”

Á saída da reunión do Comité Federal no que este sábado 13 de xullo participou na sede dos socialistas en Madrid, o aspirante á Secretaría Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse publicamente máis alá da resolución acordada en Ferraz. Anunciou que só se presentará ó congreso nacional se gaña antes a consulta ós militantes galegos: “Só me presentarei ó congreso se na consulta previa consigo o apoio maioritario da militancia, se depositan en min a súa confianza. Ese é o meu compromiso persoal e quero facelo público”.

Os estatutos actuais do partido non recollen a celebración da consulta á militancia e moito menos unha vinculación entre os resultados de esta e a celebración do Congreso Nacional, pero para o aspirante á dirección dos socialistas galegos o seu forte compromiso persoal supera este hándicap: “A expresión do militante a través do seu voto para min é sempre válida porque é a súa decisión. No meu caso non teño dúbidas. O voto da militancia sempre é lexítimo, válido e definitivo”, remarcou.

Segundo argumenta Gómez Besteiro, que a consulta non sexa vinculante para o PSOE -tal e como quedou aprobado esta mañá- non quere dicir que para el personalmente non o sexa: “É unha consulta en todo caso lexítima e pioneira. O seu resultado será lexítimo e estou seguro de que suporá o comezo da renovación do PSdeG”, afirmou.

Para Gómez Besteiro “que a consulta non apareza recollida nos estatutos actuais do partido, non significa que o vínculo que supón que cada militante poda expresar o seu voto non vincule á organización a tomar os resultados como a base de renovación do partido”.

Cambio interno
O aspirante á Secretaría Xeral dos socialistas galegos defende que hai unha esixencia por parte da cidadanía: “que a primeira democracia debe comezar nos partidos, e o PSdeG xunto ó PSOE, co que comparte un rumbo común, nin poden, nin deben vivir á marxe dela aínda que outras formacións políticas así o fagan”. É máis, subraia que “as dúbidas da xente sobre o partido e a democracia combátense con máis partido e con máis democracia”.

Mentres o PP está metido nunha guerra sucesoria aínda estando no goberno, Gómez Besteiro subliña que o PSOE vai ser o primeiro partido maioritario de España en darlle voz e voto a súa militancia para elixir a un Secretario Xeral e, esta onda de cambio interno, ten que culminar coa inclusión das primarias nos estatutos do partido.

Se son SX, quero primarias nos estatutos
Para o aspirante á Secretaría Xeral: “Ás veces temos que adaptarnos á realidade para poder cambiala. E neste caso ábrese a porta para que o vindeiro Secretario Xeral teña nas súas mans traballar para incluír as primarias formalmente nos estatutos. Se son Secretario Xeral, quero primarias nos Estatutos, polo que traballarei para que a consulta non só sexa real, como vai ser neste caso, será tamén formal”, concluíu.

Exit mobile version