Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro: “Traballo nun concepto clave, a integración, e estou disposto a falar con todos para ter un partido forte”

José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, referiuse na mañá deste mércores 17 de xullo ao que considera o “concepto clave” do seu traballo para liderar o partido, “a integración”, en resposta ás preguntas dos xornalistas sobre posibles reunións con diferentes membros do socialismo galego. “Veño traballando todos estes meses nun concepto clave, que é a integración. Este partido ter que estar máis unido e máis forte, por iso estou falando con todo o mundo e non exclúo a ninguén dese diálogo; estou disposto a falar con todo o que queira falar conmigo”, afirmou. O socialista destacou os conceptos de “renovación, integración e un partido máis galego e de esquerdas” neste proceso cara o cambio do PSdeG.

Gómez Besteiro incidiu en que “o apoio vén da militancia” neste proceso. “A miña corrente é o PSdeG, e o meu equipo é a militancia, e nesa suma de apoios estou traballando, dirixíndome aos e ás militantes”, dixo. Os socialista explicou que nas súas visitas ás cidades e comarcas trata de transmitir “o importante que é este proceso para facer un partido máis galego e máis unido” para o que hai que falar “con todos, sen excepción, porque os militantes son os que suman e votan, e os que adquiren un compromiso persoal”.

Invitación ao resto de partidos a que sigan o exemplo
O aspirante á secretaría xeral do PSdeG incidiu na importancia de “non perder este momento” e convidou ao resto de partidos a que “proben a poñer o poder ao servizo da militancia”, algo que é “moi recomendable, porque se trata dun proceso limpo, aberto, no que xurden moitas ideas e no que se vai gañando o compromiso de cada persoa, que non se consigue nun día”. Besteiro, que lembrou que hai xa máis de sete meses que fixo as primeiras declaracións públicas sobre a importancia de impulsar o partido desde abaixo, recomendoulles ao resto de forzas políticas “que non teñan medo” porque “o importante non é pensar se vai haber pouca participación ou moita, senón empezar a abrir estes procesos, algo moi bo en democracia”.

Exit mobile version