Site icon Crónica3.com A Mariña

Broche de ouro para un campus pola igualdade

campus13-clausuraO CD Burela FS Pescados Rubén despediu onte, e ata 2014, o sétimo Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base, unha edición que brillou de novo por un profesorado de primeirísimo nivel e na que reinou máis ca nunca a filosofía de igualdade do club laranxa, cunha altísima participación de alumnado feminino.

Na gala de clausura, as pequenas promesas do fútbol sala recibiron cadanseu diploma e medalla nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde de Burela, Manuel Fernández, o concelleiro de Deportes de Cervo, Luis Guillén, o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, así como Manuel Blanco, José Luis Sáez, Rubén Blanco e José Ángel Dovale por parte do CD Burela FS, o técnico laranxa Juanlu e monitores do campus.

Ao longo de catro días, os preto de 40 alumnos/as do campus burelista, procedentes non só da Mariña senón doutros puntos da provincia, Asturias e incluso Madrid, puideron aprender e divertirse cos xogadores mariñáns Iago Míguez, Claudia, Lara, Paula, Juanma e Christian, así como co gardameta Edu. Ademais, os pequenos tiveron o privilexio de compartir sesións dirixidas polo director deportivo do Inter Movistar, Javier Lorente, os técnicos laranxas, Juanlu e Quico Otero, e o seleccionador galego, Manuel Castillo. O adestrador do Raba Eto Gyor, David Madrid, non puido participar na cita burelista, tal e como estaba programado, por motivos persoais.

O clínic contou unha edición máis co patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Concello de Burela e Fundación Imdecum, ademais da colaboración do Concello de Cervo, IES Monte Castelo e CEIP Vista Alegre. A Mariña-El Progreso foi o xornal oficial.

Exit mobile version