Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela aproba inicialmente en pleno a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e a taxa correspondente

Burela, 26 de xullo de 2013. O pleno aprobou inicialmente só cos votos do equipo de goberno a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e a ordenanza fiscal reguladora da taxa de prestación do devandito servizo. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, non entende a actitude dos partidos da oposición, “porque é obrigatorio adaptar a normativa nesta materia”.

A edil popular explicou que “coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e nos criterios de participación económica das persoas usuarias deste servizo, o Concello regula os requisitos e condicións da prestación do Saf a través da presente ordenanza”. Durán subliñou que “a súa non adaptación supón a inaccesibilidade á subvención coñecida coma Plan Concertado, que é a principal fonte de financiamento dos servizos sociais municipais. Do gasto total destinado ao Saf durante o 2012 (193.800 euros) a Xunta aportou 150.000 euros. Está claro que non podemos renunciar a dita subvención”. A concelleira de Servizos Sociais acusa aos partidos de oposición de poñer zancadillas á labor do equipo de goberno e non entende a súa actitude.

Diana Durán indicou que “a ordenanza reguladora do Saf recolle varios protocolos de actuación para diversos supostos e 17 anexos nos que aparecen os básicos como solicitude do Saf, proxecto de intervención, modelo de acordo, informe social e médico e tamén outros moitos co fin de que sempre quede constancia dos cambios propostos polas persoas beneficiarias, así como das respostas a eses cambios a través dos correspondentes informes municipais”.

No caso da ordenanza fiscal reguladora do servizo de axuda no fogar de Burela “esta ten como obxecto acordar baseándonos na normativa vixente, o establecemento do prezo público pola prestación do servizo. A súa non adaptación tamén supón a inaccesibilidade ao Plan Concertado”. A concelleira de Servizos Sociais informou ao pleno que “no proceso de adaptación da ordenanza fiscal do Saf do Concello de Burela ao decreto 99/2012 un dos apartados a modificar é a participación no financiamento do servizo destinado ás persoas dependentes valoradas e ás persoas usuarias da modalidade de libre concurrencia. Respectando sempre os ratios máximos e mínimos establécese unha regulación progresiva de participación, caracterizada por presentar máis intervalos na capacidade económica das persoas beneficiarias do servizo e, polo tanto, máis porcentaxes na participación no custe do Saf, cumprindo co principio de equidade. Así evitaremos cargas excesivas coa clara finalidade de favorecer ao máximo posible a todas as persoas usuarias do servizo e, polo tanto, a aquelas que presentan as rendas máis baixas. De feito hai usuarios que quedan exentos do copagamento”.

Diana Durán manifestou “a táboa presentada polo equipo de goberno está realizada en base ao decreto e a casos prácticos, xa que se empregou a capacidade económica de cada persoa beneficiaria do Saf de libre concurrencia, para coñecer en qué medida lles afectaría. O estudo está baseado na realidade social de Burela, podería presentarse en 4 intervalos e recadar o máximo para as arcas municipais, pero desglosóuse en 8 intervalos, ademais doutro para casos exentos de copagamento, co fin de que os veciños de Burela resulten o máis beneficiados posible, dentro do marco legal”.

O equipo de goberno considerou oportuno “non modificar o prezo público deste servizo con afán recadatorio, senón exclusivamente para o mantemento do mesmo e favorecer así a todas as veciñas e a todos os veciños de Burela. Non debemos esquecer que o servizo a parte do copagamento das persoas usuarias, ten outras fontes de financiamento, provintes doutas administracións a través das correspondentes solicitudes realizadas para o efecto en tempo e forma”.

Exit mobile version