Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo entrega diplomas ás máis de 30 persoas participantes nos cursos de memoria

clausura_memoriaCervo, 10 de xullo de 2013.- A delegación de Servizos Sociais, que dirixe Pilar Armada, clausurou os cursos de memoria aos que acudiron 32 persoas, todas mulleres agás dous homes, e que se estiveron impartindo entre os meses de outubro e xuño en varias localizacións do Concello como son o local social de Trasbar, as Escolas de Rúa, o Ecomuseo de Cervo e a Casa da Cultura de San Ciprián.

Un ano no que o aumento da demanda en Rúa levou a crear un grupo de alumnos específico nesa parroquia, de forma que se incrementou ata catro o número de centros nos que se ofreceu. Estes cursos adoitan ter unha moi boa acollida e neles “destaca a fidelidade dos asistentes, xa que ano tras ano a maioría repite e segue asistindo” explica Armada. A edil considera que o éxito desta actividade é “a mestura dun ton ameno e distendido coa aprendizaxe e a exercitación das capacidades cognitivas para potenciar a memoria”.

O peche do curso tivo lugar en San Ciprián e nel estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Servizos Socias así como a monitora e os participantes dos cursos. Un acto no que ambos responsables públicos fixeron entrega ao alumnado dos diplomas acreditativos da súa asistencia e no que os emprazaron “para o curso que vén”, no que “temos previsto volver a poñer en marcha esta iniciativa, moi beneficiosa tanto para a mente como tamén para a socialización do alumnado”. De feito, na clausura foron moitas as persoas que manifestaron o seu desexo de continuar.

A edil asegura que é importante destacar “o bo ambiente que se respira nas clases, nas que os alumnos comparten o seu tempo e estimulan as súas habilidades psíquicas a través de numerosos exercicios e xogos”.

Exit mobile version