Site icon Crónica3.com A Mariña

Christian: ‘O Burela FS é a miña casa’

christian-renov13O Burela FS Pescados Rubén FS continúa traballando para ter todo a punto no comezo de pretempada, que arrincará o vindeiro luns, 5 de agosto. Despois das renovacións dos capitáns, Juanma e Edu, tamén formalizou o seu compromiso laranxa para 2013-14 o viveirense Christian Chao, outro dos xogadores de longa traxectoria nas filas burelistas. “O Burela FS é a miña casa. En toda a súa historia leva demostrando que é un dos clubs máis serios de calquera categoría; por iso me sinto contento e agradecido de poder dispoñer desta oportunidade un ano máis”, admitía o mariñán, antes de iniciar a súa quinta tempada de laranxa.

Na compaña do presidente, Manuel Blanco, e o tesoureiro, Rubén Blanco, o ala da cidade do Landro amosouse moi motivado coa nova andadura na elite, reflexionando sobre o calendario ligueiro: “O obxectivo pode ser un pouco máis ambicioso. Despois da recta final de tempada e con algunhas chegadas, poderemos avanzar un pouco. Teremos un calendario máis equilibrado, sen a acumulación dos grandes rivais como nos aconteceu o ano pasado; non será excesivamente complicado nin ao principio nin ao final e poderemos gozar da visita de ElPozo, FC Barcelona e Inter arroupados pola nosa fiel afección na primeira volta”.

Na preparación dun proxecto burelista que afrontará 2013-14 coa bandeira do talento e a xuventude, o experimentado ala, de tan só 26 anos, valorou a determinación da entidade por impulsar a estrutura de base cara ao equipo sénior: “O Burela FS está optando por un camiño que dá resultado; darlle cabida á base é primordial e máis no caso deste club, que traballa cunha escola de moito potencial. Juanlu é un adestrador ao que lle gusta a canteira e ten moito para ensinar a xogadores novos e non tan novos”, opinaba o viveirense, que participou de forma moi activa no recente VII Campus Mixto Internacional do club mariñán.

“Agradezo tanto ao club coma ao adestrador a confianza depositada en min; espero compensalo con todo o meu traballo”, concluíu Christian.

Exit mobile version