Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde A Mariña valora con precaución o anuncio do Sergas sobre a posta en marcha dunha unidade de hospitalización a domicilio para toda a Área da Mariña

O anuncio dunha HADO na Mariña coincidindo cos recortes en persoal sufridos na Atención Primaria, nos Concellos de Cervo e Xove en particular, e na comarca en xeral, así como a conseguinte protesta e alarma social levan a poñer esta nova, cando menos en vixiancia intensiva desexando que non sexa unha cortina de fume, un parche, para tapar o desmantelamento da Atención Primaria, o desmantelamento da sanidade, a progresiva recentralización dos servizos públicos na nosa comarca e frear a protesta e alarma social.

CIG-SAÚDE A MARIÑA comparte a importancia e os beneficios dunha HADO, entendéndoa como o conxunto de actividades asistenciais, sanitarias e sociais que se desenvolven no domicilio. A súa concepción é integral e o segredo do seu bo funcionamento baséase na axeitada dotación de recursos humanos, materiais e económicos e o desenvolvemento dunha exquisita coordinación dos recursos asistenciais que conflúen nela.

Por outra banda, dende a CIG SAÚDE A MARIÑA, e ante as moitas interrogantes do anuncio feito polo SERGAS pide á Xerencia Executiva de Cervo que aclare os seguintes puntos:

– Efectivos de persoal médico e enfermaría que conformarían a nova unidade.

– Número de doentes que podería atender diariamente.

– Horario de funcionamento.

– Parque móbil do que estaría dotado para atender a todos os Concellos da Mariña.

– En cantas áreas xeográficas de traballo se dividiría e de canto persoal dispoñería cada unha para garantir unha axeitada atención asistencial a toda A Mariña(sendo o habitual facelo a través dunha isócrona de 30 min.)

– Se abranguería os seguintes procedementos:
·Laboratorio de microbioloxía, hemocultivos, hematoloxía e bioquímica.

· Técnicas diagnósticas: electrocardiografía, pulsioximetría, sistemas de monitorización non invasivos, espirometría…

· Procedementos terapéuticos: oxigenoterapia, aerosolterapia, ventilación mecánica no invasiva domiciliaria, infusión subcutánea de fármacos, infusión intravenosa de fármacos, antibioterapia intravenosa, fluidoterapia intravenosa, nutrición artificial (enteral e parenteral), transfusións de sangue e hemoderivados ou quimioterapia.

Para CIG-SAÚDE A MARIÑA de non se dotar de medios humanos, materiais e económicos axeitados teriamos que falar dunha Atención Domiciliaria que proporcionaría coidados de baixa intensidade (en xeral, menos dunha ou dúas veces á semana) e complexidade a aqueles pacientes que, permanecendo estables na súa enfermidade, necesitan de forma continua ser atendidos no seu domicilio, onde permanecen illados case sempre por presentar diversas minusvalideces, e non dunha auténtica Unidade de Hospitalización a Domicilio.

Por todo o anterior exposto CIG-SAÚDE A MARIÑA e agardando concrecións toma a noticia con pinzas xa que ofrecer máis servizos con menos traballadoras e traballadores ten como consecuencia final un empeoramento da calidade asistencial.

Exit mobile version