Mais a dimensión económica da corrupción chámanos a atención sobre a centralización da xestión económica dos Partidos estatais e a súa colusión co “capitalismo castizo do BOE”, nomeadamente o mundo das grandes construtoras e sectores regulados. Porque os números do saqueo de Bárcenas nun Estado descentralizado só se explica pola imposición dende Madrid aos gobernos autonómicos e locais dos contratistas amigos, da (i) lóxica radial da Alta Velocidade, do novo aeroporto de Madrid que consumiu máis dun billón-con b, de burro- das vellas pesetas.
Claro que hai corrupción nos níveis autonómicos e locais. A moreas. Mais só na cimeira é observábel como unen as súas liñas os intereses do cemento sen coñecemento e da prevención dese capitalismo castizo de BOE a respecto da existencia, por exemplo en Galicia, de empresas non dependentes da megaconcentración de poder económico e financeiro dun Madrid que paga as súas custosas infraestruturas e liftings cos cartos de todos os cidadáns do Estado.
Limpar razoablemente este grao inaturábel de corrupción vai precisar de cirurxía xudicial e de prevención a medio dunha lexislación electoral e da transparencia alicerzada en sólidos valores de cidadanía, horizontalidade e responsabilidade. Mais será eixo fundamental destas políticas a loita contra as grandes concentracións de poder político, económico e financeiro. Porque non hai mellor amigo da corrupción ca a recentralización e a concentración.
Xoán Antón Pérez-Lema