Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concellos emiten as súas condolencias ás familias das vítimas da traxedia ferroviaria de Compostela

media-hastaA Deputación de Lugo expresa as súas máis sentidas condolencias ás familias das vítimas e feridos da maior traxedia ferroviaria en España nos últimos trinta anos, e quere facerlles chegar o seu apoio e solidaridade nunha xornada de loito na que Galicia ten o corazón encollido.

O organismo provincial súmase ós sete días de loito na Comunidade galega decretados pola Xunta. No Pazo de San Marcos, desde primeira hora, as bandeiras ondean a media hasta e con crespón negro en sinal de recordo, respecto e homenaxe ás ducias de persoas afectadas pola traxedia ferroviaria en Santiago de Compostela.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, anulou onte a súa axenda institucional tras coñecer o fatídico accidente, e púxose en contacto co goberno galego para ofrecer todos os medios da Deputación de Lugo que puidesen necesitar, tanto a Xunta de Galicia como, en concreto, a Dirección Xeral de Emerxencias.

Ribadeo concentrarase nas inmediacións do Pazo de Ibáñez
A Corporación Municipal tamén transmite o pésame de Ribadeo ás familias das vítimas do desgraciado accidente ferroviario que acontecía na véspera do Día Nacional de Galicia nas inmediacións de Compostela.

As bandeiras do Casa do Concello ondean a media asta en sinal de dolo e pesar polos falecidos no fatídico sinistro.

O alcalde, Fernando Suárez, despois da conversa mantida cos voceiros de todas as formacións políticas con representación no Concello ribadense, acordou convocar para mañá, 26 de xullo, ás 12 do mediodía, unha concentración silenciosa e cívica de cinco minutos nas inmediacións do Pazo de Ibáñez, “acto que se fai extensivo a todas aquelas persoas que queiran achegarse a amosar as súas condolencias por esta traxedia”.

Burela organizará un acto relixioso polas vítimas
O Concello de Burela amosa a súa solidariedade coas familias dos feridos e dos falecidos no accidente ferroviario que se rexistraba onte nas inmediacións de Santiago de Compostela.

As bandeiras da Casa Consistorial ondearán a media asta os sete días de loito oficial que o Goberno galego decretaba esta mesma mañá.

O Concello organizará nos vindeiros días un acto relixioso polos falecidos do que se informará oportunamente.

Exit mobile version