O concerto vai levar o título Camiñando cara a Luzofonía e, como explica o seu promotor, Celso Dourado, “vamos ter a posibilidade de escoitar á caída do sol, pola tardiña, a partir das 21:30 horas, a En clave de Fado, un grupo que nace en Galicia coa intención de crear unha formación musical diferente, unha aproximación entre a música portuguesa como pode ser o fado e a música cantada galega. Nas actuacións de En clave de Fado hai unha combinación da frescura dos fados máis alegres coa emoción das cancións da nosa terra e os fados máis sentidos”.
O artista barreirense di que “sempre que facemos a programación cara o Eido Dourado, a diferenza das terrazas do cámping Gaivota, procuramos que sexa unha música diferente e diferenciada. O Eido Dourado é, como o seu lema indica, un espazo para a arte e para os sentidos. Asistimos ás diferentes interpretacións nun ambiente de iluminación dos xardíns acompañados normalmente por un gran silencio solo interrompido polo bater das olas próximas. Dispoñemos dunha capacidade dunhas 150 persoas sentadas distribuídas polas distintas partes do xardín e solen ser concertos de moita beleza e, normalmente, de moita sensibilidade”.
E no cámping Gaivota estará Patxaranga
A partir das 23:00 horas deste venres, 19 de xullo, estará nas terrazas do cámping Gaivota, dentro das queimadas proletarias mesturadas con música de raíz, a formación musical Patxaranga.
Segundo comenta Celso Dourado “trátase dunha formación musical moi diferenciada, con moita marcha. Son da zona da Coruña e é música da rúa combinada con xogos malabares de lume. Isto, nun ambiente absolutamente case a escuras, solo iluminado polas velas e o lume da queimada, penso que vai crear un ambiente moi guapo alí na terraza o próximo venres”.