Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista aborda o 25 de xullo na defensa do autogoberno do ben común e o dereito a decidir todo

Para crear mellores condicións de futuro para Galicia e os seus cidadáns e cidadás, necesitamos recuperar o noso autogoberno para defender o ben común.

A crise económica serve de gran coartada do programa recentralizador do Partido Popular. A hexemonía conservadora nas nosas institucións disolve Galicia como nación e espazo de decisión cidadá. O papel dos poderes públicos, como valedores democráticos do benestar, garantía de solidariedade comunitaria e da igualdade de oportunidades e de trato dos galegos e galegas, están gravemente ameazados polas contrarreformas ultraliberais do Goberno de Mariano Rajoy e polo abandono de responsabilidades que practica Núñez Feijóo na Xunta de Galicia.

O autogoberno galego cifra con Núñez Feijóo os investimentos máis ruíns en benestar e no mantemento dos servizos públicos básicos, e ao tempo santifica unha suicida política de carestía que cancela todo apoio ás iniciativas produtivas do noso país, mentres se agrava a recesión económica, se intensifica a destrución de postos de traballo e se derrama toda oportunidade para milleiros de galegos e galegas que se verán obrigados, coma noutrora, a procurar o seu benestar lonxe de Galicia.

Galicia empobrécese e a súa economía inicia un devalo ruinoso e o goberno do PPdeG

comprácese no abandono de responsabilidades e fai propaganda da solvencia de inútiles políticas de axuste. A teimuda realidade evidencia, no entanto, que Núñez Feijóo está a baleirar o noso autogoberno de toda substancia democrática e que, abeirado na súa maioría institucional, lonxe de crear condicións para a recuperación económica empeora as condicións de vida da mayoría dos galegos e galegas ao chapodar e depreciar os nosos servizos públicos.

Nunca a Xunta de Galicia foi máis allea ás preocupacións e problemas dos cidadáns e cidadás. Nunca representou menos os intereses do país. Nunca se desatendeu tanto do coidado dos nosos bens comúns, falemos da nosa lingua ou das nosas industrias e creadores culturais, da nosa paisaxe ou da xestión ecosocial dos nosos recursos naturais. Se pensamos en Galicia como comunidade de solidariedade e como espazo cidadá para o exercicio participativo das nosas liberdades, nunca o país e as demandas cidadás foron máis negadas polo seu goberno.

A maioría acadada polo PPdG nas pasadas eleccións autonómicas non o autoriza para desfacer as políticas do ben común e do autogoberno. O goberno Feijóo ten perdido o crédito electoral que acadou hai uns meses coas súas políticas contra a maioría social e polas sospeitas que o cernen ao calor dos novos datos de financiamento irregular das campañas electorais dos populares. O PP de Galicia ten gobernado nos últimos anos grazas a cometer fraudes electorais evidentes e faise necesaria a dimisión do goberno Feijóo.

E ademais todo isto nun proceso de cambio de ciclo político que fan necesario abordar un cambio constituínte no estado e un proceso de vertebración política dunha nova Europa.

Necesitamos un proceso constituínte no Estado e en Europa que se fundamente nun impulso democrático e social. Un proceso constituínte, sen tutelas, onde a cidadanía exerza a súa soberanía e sustentado sobre os piares da radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade.

Este 25 de Xullo adquire deste xeito unha nova dimensión o Dereito a Decidir, converténdose nunha ferramenta clave na defensa do Ben Común. A cidadanía temos dereito a decidilo todo: as relacións co Estado, a política fiscal, a política monetaria, o modelo enerxético, o dereito á saúde, a calidade do ensino, o dereito á vivenda, os dereitos sociais, a soberanía alimentar,… diso se trata o soberanismo cívico, do dereito a decidilo todo.

Requírense alianzas políticas e sociais amplas que permitan frear esta contraofensiva e cambiar o rumbo das cousas para avanzar na recuperación de dereitos e liberdades. Faise urxente crear as alianzas necesarias para vertebrar unha alternativa política e electoral ás actuais elites dominantes que actúan como intermediarias de poderes económicos oligopólicos que queren eliminar os dereitos das persoas traballadoras e a competencia dos sectores económicos emprendedores, as chamadas clases medias. Nese senso Alternativa Galega de Esquerda debe vertebrarse, ampliarse e consolidarse politicamente e a súa vez AGE debe participar en alianzas máis amplas e plurais a nivel europeo e de estado.

As mobilizacións cidadás sinalan sen equívocos o camiño a seguir. É tempo de sumar forzas para derrotar as políticas do Partido Popular, na rúa e nos centros de traballo e nas futuras confrontacións electorais antes de que sexa demasiado tarde. Son maioría os cidadáns e cidadás de Galicia que aspiran a contar con novas alternativas que os representen e fagan posibles políticas para a defensa do ben común e a recuperación do noso autogoberno para o benestar, a igualdade e unha democracia forte que asente as súas raíces na súa vontade soberana.

Espazo Ecosocialista convocará o mesmo 25 de xullo a partir das 14,30 horas un xantar de confraternización no Pazo de Meimixe (no lugar de Bran, perto de Sigueiro, a 10 minutos de Compostela).

Declaración de AGE
Ademais, AGE fará lectura do seu manifesto polo Día da Matria Galega diante da que foi a sede da editorial e imprenta Nós, na rúa do Vilar número 15 de Santiago de Compostela, o vindeiro mércores 24 de xullo ás 11:30 horas, ao que asistira membros de Espazo Ecosocialista xunto con outros representantes da coalición.

Exit mobile version