Site icon Crónica3.com A Mariña

Familiares dos traballadores de Costiña SL denuncian a débeda de miles de euros

Costiña S.L., leva 3 anos debendo cartos aos seus traballadores, segundo manifestan familiares dos traballadores. “As débedas dos anos 2011 e 2012 ascenden á contía dos atrasos de convenio; pero no ano 2013 as débedas van nun aumento vertixinoso, comezando a retrasar o pagamento do mes e das horas extras ata a paga extra de verán que non pagaron”. “A maiores, Costiña S.L., terá que afrontar o pagamento dunha denuncia recentemente gañada por un traballador nos xulgados de Lugo, a cal non teñen opción a recurso. Esta non é a única denuncia pendente á que se enfrenta o Grupo Costiña, pois aínda ten varios xuízos sen resolver”, engaden.

“Nós, familiares dos traballadores, pomos en coñecemento este escrito, ante a pasividade do comité da empresa, o cal ven ignorando os intereses de todos os traballadores dende que comezou a sua andaina, posto que cando se lles pregunta polas débedas, contestan que eles non teñen os cartos. Preguntado polos atrasos informaron que a empresa lles asegurou “a finais de abril estaría todo saldado”, e en abril aseguraron que sería en maio, e asi mes tras mes ata o mes de xullo no que estamos, sen recibir aínda ningún céntimo da débeda adquirida pola empresa dende o ano 2011, e sen que o comité tome medidas para que se cumpran os acordos da empresa. Tamén cabe salientar o modo en que Costiña está a xogar co comité, renegociando constantemente os acordos incumpridos, se son certas as afirmacións que ditos membros transmiten á plantilla”, explican algúns familiares dos traballadores afectados.

“Ante o perigo de que a actitude da empresa de non pagar, vaia en aumento, e véndonos nun futuro, en serios problemas para chegar a fin de mes, para poder pagar as nosas hipotecas, as nosas facturas, decidimos denuncialo publicamente, para poder ver se co tempo non necesitamos pasar a reclamalo xudicialmente”, conclúen defendendo a súa postura.

Exit mobile version