Os xoves de Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación de Lugo convertéronse, ao paso dos anos, na alternativa estival para o entretemento da poboación lucense nesta época, ofertando todo tipo de alternativas culturais, desde concertos a monólogos, pasando por espectáculos como o desta noite vinculados ao mundo do baile e o espectáculo de cabaré.
Pola súa banda, The Teta’s Van trouxo consigo a revolución en feminino o xoves pasado. Este grupo, formado por rapazas, na súa maioría, é especialista en facer versións e o seu obxectivo é o de divertir transmitindo, reivindicando e loitando contra as inxustizas a través da lingua galega.
Nesta edición os Xoves van ser en clave feminina, e a programación vai contar cunha mostra do mellor do noso panorama artístico actual da man de mulleres grandes e bravas. Completan o programa o espectáculo de hoxe Master Class Cabaret, de Femme Fatale; a poesía musicada de Uxía, cantándolle a Manuel María; a enerxía de Aid, a forza de Sés, os ritmos brasileiros de Jotinho’s e a homenaxe contemporánea de Najla Shami a Rosalía.
Alumnos e profesores da Tradescola son os encargados de amenizar as entradas ás actuacións dalgúns Mércores Miúdos e Xoves de Cultura Aberta, nunha aposta firme polo traballo que realiza este colectivo a prol da música e da cultura galega.