Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz acollerá o vindeiro sábado 27 a quinta edición da Festa da Inmigración

Foz, 23 de xullo de 2013. O paseo da Ribeira acollerá o vindeiro sábado, 27 de xullo, a quinta edición da festa da inmigración, segundo daba a coñecer esta mañá o concelleiro de Cultura e Deportes, Ánxel Paleo. Alí haberá degustacións de pratos e ademais música e bailes típicos de Brasil, México, Perú, Colombia e Cabo Verde. Ademais durante a vindeira ponte festiva en Foz terá lugar a travesía de piragüismo e rematará o ciclo Sons na rúa.

O edil popular dixo que “as actividades desta semana comezarán este xoves coa quinta travesía Ría de Foz, que organiza o club Kayak e a Federación Galega de Piragüismo. Trátase da segunda travesía máis antiga de Galicia e da terceira máis antiga de España. Esta terá lugar na zona dos estaleiros focenses, de onde partirán ás 17:30 horas rumbo á Espiñeira e volta aos estaleiros. A travesía disputarase nas categorías sénior, júnior, cadete e veteranos. Ao finalizar a regata farase a entrega de trofeos na praza Conde de Fontao”.

Ánxel Paleo indicou tamén que “xa o venres, 26 de xullo, a partir das 21 horas na praza Pardo de Cela terá lugar a derradeira actuación do oitavo ciclo Sons na rúa, que contará coas actuacións da Coral Polifónica de Foz e a Banda de Música de Foz, que serán os encargados de poñer o broche final deste ciclo de achegamento da música á rúa. Este evento comezou coa rondalla Latexos e o festival Coa nosa fala, que se celebrou no Campo da Cabana, e seguiu coa actuación de Mar Aberto na praza Pardo de Cela”.

O concelleiro de Cultura e Deportes focense subliñou que “o sábado, 27 de xullo, teremos a quinta festa da inmigración a partires das 21 horas no paseo da Ribeira. Alí poderanse degustar pratos típicos de cinco países e tamén haberá tempo para disfrutar dos bailes e a música de Brasil, México, Perú, Colombia e Cabo Verde”.

Paleo convida “a todo o mundo a que se achegue durante esta ponte a Foz a disfrutar destas actividades”.

Exit mobile version