Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz incorpora máis persoal nos seus areais

Foz, 12 de xullo de 2013. O Concello de Foz incorporou 4 auxiliares de clínica para as praias, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, o que permite reorganizar os efectivos do servizo de salvamento e ter un socorrista no areal da Pampillosa, na parroquia de Fazouro, a partir de mañá, sábado. Confirmouno hoxe o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.

“Incorporamos 4 auxiliares de clínica ás praias, que se unen ás 26 persoas que había xa no servizo de salvamento. Entón o que vamos facer xa a partir de mañá, sábado, é poñer un socorrista no areal da Pampillosa, tal e como se avanzara, posto que ao vir os auxiliares, subvencionados tamén polo Plan de Cooperación da Xunta de Galicia, o que agradecemos novamente, reorganizamos os socorristas e A Pampillosa pode ter un para atender esa praia”, explicou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira destacou que desta maneira “o Concello de Foz segue incrementando os servizos nas praias grazas ao esforzo da Xunta de Galicia, que as dota de catro persoas máis como auxiliares. E, aínda a maiores, dende o Concello agradecemos esas outras 5 persoas para a limpeza dos areais, que a propia Xunta co Plan de Cooperación tamén pon para Foz. Os areais están moi ben cubertos. Estamos en pleno verán e temos 8 persoas dunha brigada municipal para a limpeza de praias máis outras 5 que agora aporta a Xunta de Galicia, tamén a media xornada. A estes traballadores hai que sumar 30 persoas, entre auxiliares, efectivos de Protección Civil e socorristas”.

O alcalde tamén salientou que “Foz é hoxe en día o concello da zona que máis persoal ten nas súas praias, o cal é unha honra. E seguimos traballando nese sentido, esa é a responsabilidade que ten o grupo de goberno, mentres que outros seguen noutras batallas. Estes días a nosa preocupación son as praias, cumprimos obxectivos tamén coa reorganización do tráfico que se fixo na rúa Illa Nova e colaborando na organización das festas do Carme, o cal é unha responsabilidade máis do grupo de goberno”.

Exit mobile version