Site icon Crónica3.com A Mariña

FRUGA coincide cos gobernos catalán e vasco na valoración dos resultados da conferencia sectorial sobre a nova PAC

Galiza, 30 de xaneiro de 2013.- Os días 24 e 25 de xullo tivo lugar en Madrid a Conferencia Sectorial de Agricultura, co fin de debater e acordar o modelo de aplicación da reforma da PAC 2015-2020 no marco do Estado español.

A maioría das comunidades autónomas que fan parte do Estado español, incluída a da Galiza, deron por boas as propostas presentadas polo Ministerio de Agricultura a excepción de Euskadi e Cataluña.

Os motivos que alegan as representacións dos gobernos vasco e catalán, para as non aceptar, teñen a ver coa vontade do goberno español de “españolizar” a agricultura, así como valeirar de competencias ás comunidades autónomas.

Galiza, ao igual que Euskadi e Cataluña, ten competencias plenas e exclusivas en materias como agricultura, gandería e monte, no marco da aplicación da política agraria no seu territorio. Os gobernos destas dúas nacións esixiron do goberno español que respecte as competencias lexislativas, executivas e de xestión que teñen transferidas en materia agrícola e que de non ser así resérvanse o dereito a usar todas as acción que consideren oportunas. Esta posición contrasta coa mantida polo goberno galego, que parece estar de acordo coa usurpación das competencias que Galiza ten.

A Federación Rural Galega – FRUGA xa denunciou no seu momento, cando o día 20 de xullo organizamos un seminario co obxectivo de propor unha alternativa galega para a aplicación da nova PAC, o intento recentralizador que o Ministerio de Agricultura intenta implantar baixo a escusa da harmonización, co falso argumento de evitar desigualdades de trato entre as persoas beneficiarias.

A FRUGA defende que as axudas só as cobren aquelas persoas físicas ou xurídicas que cumpran coa condición de Agricultor/a a Título Principal e que se limiten as axudas a un máximo de 100.000€ por solicitante e que se aplique un pagamento adicional ás primeiras hectáreas, así como establecer axudas ligadas ao sector leiteiro e de vacún de carne. No sector do viño apostamos por manter os dereitos de plantación e as axudas específicas deste sector.

Todas estas propostas non foron tidas en conta na Conferencia Sectorial, co que a agricultura galega sairá perdendo, mas o mais preocupante ten a ver coa política de desenvolvemento rural. Até agora Galiza contaba dun programa propio, agora o goberno español quere apropiarse da maioría dos programas que contemplaban o PDR galego e dos fondos que os amparaban.

Desde o noso punto de vista fica claro que Galiza non pode renunciar a ter unha política agraria propia ao tempo que defender unha posición clara e valente perante as agresións do goberno español para mellor defender os nosos sectores produtivos agrarios e un mundo rural galego vivo e con futuro.

Exit mobile version