Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia deu a talla en Europa en defensa da nosa pesca

A Unión Europea, non sempre fonte de boas novas para o sector pesqueiro galego, foi o espazo no que tivo lugar un importantísimo debate de futuro no que se abordaba a fórmula para distribuír o novo Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro –FEMP– durante o período 2014-2020.

Estaba en xogo a distribución dos recursos que Europa destinará aos profesionais do mundo do mar, a promover o emprego neste sector, a avanzar na competitividade e modernidade da nosa flota, a protexer os recursos desde o punto de vista da súa xestión sostible e eficiente así como tamén, a impulsar medidas destinadas ao desenvolvemento das zonas costeiras.

Con acerto e destreza as negociacións impulsadas polo ministro Miguel Árias Cañete en compañía e baixo o asesoramento da conselleira do Mar, Rosa Quintana -que formou parte activa da delegación española- deron o seu froito e hoxe podemos dicir que España e Galicia van a saír moi beneficiadas.

O reparto de fondos atenderá a criterios tales como o número de traballadores, a capacidade da flota ou a produción. Aspectos, todos eles, nos que temos un peso específico relevante e, polo tanto, que implicará que recibamos entre o 20 e o 22 por cento das futuras axudas, un amplo respaldo nunha Unión Europea con cada vez máis membros.

Galicia saíu gañando tamén cando Europa acolle a nosa proposta para modificar a definición de “pescador”, que inclúe agora ás mariscadoras e ás redeiras, de tal xeito que elas tamén se converten en potenciais beneficiarias directas destas axudas, que antes as excluían.

Aínda quedan aspectos por conquistar, como o recoñecemento das embarcacións de máis de 12 metros de eslora dentro do sector artesanal, cuestión na que seguirá insistindo o noso país nos debates que quedan pendentes, pero, en termos globais, o Goberno español e galego, en equipo, souberon dar a talla en Europa demostrando que, cando vamos coa razón da nosa man e cos deberes feitos, todo é máis doado. Moi especialmente na nosa terra a Xunta soubo facerse eco das reivindicacións que tamén constitúen a voz do sector e, grazas á suma de todos estes factores, podemos saír gañando e recibir máis recursos que fortalezan as posibilidades de futuro de miles de profesionais, milleiros de mulleres e homes do mar de Galicia.

José Manuel Balseiro Orol, secretario do Parlamento galego e Portavoz do Mar, Montes e Incendios do Grupo Parlamentario Popular.

Exit mobile version