Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Besteiro: “Teño máis ilusión que cando recollín o primeiro aval, e isto non remata o día 2 de agosto”

José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, expresou esta mañá a súa “satisfacción” por ter superado os 1.125 avais necesarios para facer oficial a súa candidatura e apelou ao traballo para continuar co proceso de renovación do partido. “Teño máis ilusión que cando recollín o primeiro aval”, afirmou Besteiro, que expresou a súa “gratitude polas mostras de apoio, que animan a seguir con máis forza” pero lembrou que “este proceso non remata o día 2 de agosto, continúa, e é un camiño cheo de satisfaccións coa fe posta no futuro sobre todo vendo a resposta da militancia”.

Gómez Besteiro apuntou que “este proxecto non fai máis que empezar” e a isto súmanse os avais, “que dan máis forza, cun proceso que permite unha riqueza persoal no trato co militante”, pero co único obxectivo de “pensar só en Galicia, a través dun proxecto de renovación, integración, de amplitude da base do partido, pero sempre coa clave de Galicia, que é o fundamental”.

En referencia ao número de avais acadado, o socialista destacou que está informando desta cifra “con transparencia en cada un dos momentos en que se vai producindo e recontando”, como é o seu compromiso (o número de avais pode consultarse a diario no blog gomezbesteiro.com). En relación ao resto de candidaturas, Besteiro lembrou que “neste proceso, a liberdade do militante é a que decide, e ninguén debe interferir niso, porque o importante agora é a expresión da súa liberdade e todo está nas súas mans, polo que esa decisión a tomarán só eles”.

Exit mobile version