Site icon Crónica3.com A Mariña

Grupos de teatro de toda Galicia, cantautores, músicos e poetas pasarán polo escenario das XIII Veladas no Souto e VI Express-arte de Cervo

veladas_teatroCervo, 29 de xullo de 2013-O Concello de Cervo e “O Bordelo” A.C. Airiños do Xunco presentaron este mediodía o programa e o cartel das XIII Veladas no Souto e VI Express-arte que arrincarán o día 1 de agosto e se prolongarán ata o día 4. Un acto no que estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Begoña Alonso, así como Mari Paz Rodríguez e José Manuel González “Copa”, membros do Bordelo, a agrupación teatral organizadora desta cita cultural coa que colabora o Concello cervense, que ofrece apoio económico e de infraestruturas.

Así, durante as catro xornadas pasarán polo escenario, situado na praza do Souto, grupos de teatro, cantautores, músicos e poetas que deleitarán ao público coas súas creacións. Nesta ocasión, como é habitual, cada xornada arrincará ás 21:30 horas cunha actuación do VI Express-arte, no que cinco artistas porán a nota musical e poética ás xornadas. Rematado este espectáculo comezarán as XIII Veladas no Souto, que inclúen as representacións de cinco agrupacións teatrais locais, da Mariña, da provincia e doutros puntos de Galicia.

Unha intensa sesión vespertina de cultura que arrincará o xoves día 1 co cantautor de Foz Tono Alonso e o grupo de teatro “Raiolas” de Alfoz que interpretará a obra “O Chufón”. O venres día 2 será o momento de presenciar o recital poético de Jaime Oroza, de Viveiro e neste caso dous grupos teatrais ofrecerán dúas pezas breves. Trátase de “Crea” de Viveiro que representará “El retablo de las maravillas” e “Teatro artesán” de Sada con “A farsa do señor Correxidor”.

O sábado día 3 o cantautor do Valadouro Carlos Mariña ofrecerá temas de amor e humor mentres o toque teatral correrá a cargo de “A Rabela” de Baralla coa obra “A miña sogra é increíble”. Pecharán este programa o domingo día 4 Ramón Ramos Trigo, do Valadouro, ex vocalista das orquestras Iris e Pena xunto ao cervense Toñito de Rúa ao acordeón, que ofrecerán un espectáculo musical a dúo mentres “O Bordelo” de Cervo será o encargado de clausurar as xornadas coa obra “Abordelar” estreada a Noite de Reis deste ano.

A edil de Cultura destacou “la tradición y el éxito” destas xornadas que se veñen celebrando por décimo terceiro ano consecutivo no caso das Veladas de Teatro. Unha boa aceptación que para Alonso ten moito que ver “con el cartel, que siempre incluye numerosas y variadas actuaciones de calidad, pero también con el contexto de ofrecer cultura al aire libre en las noches de verano”, sen esquecer “el papel promocional de grupos y artistas locales y de toda Galicia”.

Exit mobile version