Site icon Crónica3.com A Mariña

José Manuel Balseiro anuncia que a Xunta traballa na declaración como ben de interese cultural das técnicas construtivas das embarcacións tradicionais galegas

balseiro-pplugoSantiago, 5 de xullo de 2013.- Segundo deu a coñecer este venres 5 de xullo o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, o Goberno galego, a través da Consellería de Cultura e Educación, traballa na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das técnicas construtivas das embarcacións tradicionais galegas

Este feito suporía, en opinión do parlamentario, un paso moi relevante por canto blindaría e poría en valor este tipo de actividades de grande importancia para a permanencia da identidade e da cultura mariñeira galega a través do tempo.

ESTALEIROS TRADICIONAIS
O deputado explicou que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é o organismo encargado de dar os primeiro pasos para acadar esta declaración que poría en valor este proceso. Precisamente ten previsto darse conta dos trámites que se están a seguir no XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Outes do 11 ao 14 de xullo.

Segundo explica Balseiro, esta é unha moi boa nova para moitos estaleiros tradicionais galegos que, nun ámbito caracterizado polo traballo artesanal, desenvolven este tipo de procesos construtivos de embarcacións tradicionais.

O secretario da Cámara galega dixo que o coñecemento técnico experto das embarcacións tradicionais marítimas e fluviais é un valor patrimonial que o Goberno galego entende que é xusto recoñecer, para asegurarlle un marco xeral que permita un posterior inventario rigoroso de tipoloxías e de todo o universo que o rodea, tanto lingüístico como xeográfico, técnico, etc.

A propia lei permite incluír este tipo de valores inmateriais como bens de interese cultural cando reflicte que teñen “valor etnográfico e gozarán de protección aqueles coñecementos, actividades, prácticas, saberes e calquera outra expresión que procedan de modelos, técnicas, funcións e crenzas propias da vida tradicional galega”.

MÁIS PROTECCIÓN, MÁIS AXUDAS
A declaración de ben de interese cultural implica ademais a aplicación inmediata e provisional dun reforzado réxime de protección previsto na lei de Patrimonio Cultural así como a posibilidade de acceso a axudas específicas de apoio a este sector.

Incluso a normativa establece que cando estean en previsíbel perigo de desaparición, perda ou deterioración, a Xunta promoverá e adoptará os medidas oportunas conducentes ao seu estudo, documentación científica e á súa recollida por calquera medio que garanta a súa transmisión e posta en valor.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia acordar a declaración definitiva de Ben de Interese Cultural, unha vez remate o proceso administrativo que agora se inicia.

Exit mobile version