Site icon Crónica3.com A Mariña

José Manuel Balseiro pon en valor os esforzos da Xunta para a promoción dos produtos frescos da pesca e do marisqueo

Santiago, 31 de xullo de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, quixo poñer en valor os esforzos que está a desenvolver a Xunta de Galicia para a promoción do consumo dos produtos frescos da pesca e do marisqueo. Así, por exemplo, salientou que no día de onte a Consellería do Medio Rural e do Mar acordaba destinar un total de 182.000 euros á formalización dun contrato para a xestión da marca de calidade PescadeRías ¿de onde se non?, que precisamente ten por obxecto certificar e identificar estes produtos procedentes da pesca artesanal e do marisqueo.

Balseiro lembrou que os beneficiarios destas accións son os profesionais do mar que desenvolven o seu traballo na flota pesqueira que faena nos caladoiros preto das costas (baixura). Este sector está composto, no caso de Galicia, por unha gran cantidade de pequenas embarcacións que se caracterizan pola frescura e calidade da gran variedade de peixes e mariscos capturados.

VANTAXES
O portavoz popular do Mar dixo que logo da reformulación desta marca converteuse nun instrumento eficaz para a promoción e defensa da calidade alimentaria galega e o fomento e posta en valor destes produtos.

Balseiro sinalou que a certificación de determinadas características dos produtos pesqueiros a través desta marca de calidade tamén trae consigo outras vantaxes, como son: a mellora na comercialización dos produtos, a diferenciación nos mercados proporcionando unha maior información aos consumidores, a mellora na xestión dos recursos pesqueiros, valorizando as capturas da pesca artesanal, o incremento da autoestima e o nivel de vida dos pescadores de baixura, a consolidación da implatanción da marca Galicia, e se evitan fraudes aos consumidores ao certificar non só a calidade dos produtos pesqueiros senón a súa procedencia da pesca artesanal e o marisqueo

INCREMENTO DAS CERTIFICACIÓNS
O selo PescadeRías ¿de onde se non? é unha marca de calidade creada e rexistrada pola Xunta de Galicia tamén acredita que os produtos se comercializan por empresas situadas en Galicia, que cumpren determinados requisitos de calidade, ademais dos esixidos pola lexislación no ámbito da seguridade alimentaria e do respecto do medio ambiente.

Só en 2012 certificáronse un 31% máis de produtos a través desta marca que en comparación co mesmo período do ano anterior, o que da mostra da boa acollida da mesma por parte do sector. A certificación PescadeRías actualmente agrupa a preto de 100 empresas, entre maioristas, lonxas, empresas de transformación e restaurantes.

Exit mobile version