Site icon Crónica3.com A Mariña

Lourenzá celebrou os actos culturais do Día de Galicia comezando cun minuto de silencio

Lourenzá, 25 de xullo de 2013. Os actos culturais organizados polo Concello de Lourenzá para conmemorar o Día de Galicia celebráronse hoxe, aínda que empezaron cun minuto de silencio e coas bandeiras da Casa do Concello a media asta en sinal de duelo polas vítimas do accidente ferroviario ocorrido onte en Santiago de Compostela. Fíxose a ruta literaria dedicada a Francisco Fernández del Riego e leuse o manifesto que proclamará o ilustre escritor laurentino no ano 1931 dende o mesmo lugar onde se levou a cabo este acto.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “pese a estar decretado loito oficial e que hoxe é un día moi triste para todos os galegos pareceunos oportuno facer a ruta literaria e ler o manifesto, tal como tíñamos programado, posto que non foi un acto festivo, senón cultural e estaba convocado todo o pobo”.

Despois de gardar un minuto de silencio realizouse a ruta literaria en homenaxe a Francisco Fernández del Riego con paradas en lugares emblemáticos da vida do ilustre escritor laurentino de cuxo nacemento se cumpriron cen anos o pasado 7 de xaneiro, polo que o Concello lle dedica este ano 2013.

Ao rematar a ruta celebrouse o segundo acto da xornada, que foi a lectura do manifesto que proclamara Fernández del Riego dende o balcón da actual Casa do Concello no ano 1931. Así o lembrou hoxe no inicio do seu discurso a rexedora municipal: “Non sabemos a hora, ou polo menos eu non a sei, pero estamos no mesmo día e no mesmo lugar que Paco de Amada, con tan só 18 anos, no 1931 elixiu para ler un manifesto en defensa da nosa patria, que ata o día de hoxe non é público. Grazas ao legado que Don Paco fixo a Fundación Penzol podemos recrealo hoxe aquí”.

Emma Álvarez tamén lembrou que o 25 de xullo de 1931 Fernández del Riego izara a bandeira de Galicia, que “hoxe, por desgraza, está a media asta”. Engadiu que “hoxe, Don Paco, dende algún lugar do universo estou segura que se sente orgulloso posto que, 82 anos despois, escoitou en galego, como a el lle gustaría, o manifesto que el mesmo escribiu en prol da nosa patria”, documento que está escrito en castelán polas circunstancias que se daban naquela época, como explicou Manuel Román. O encargado de recrear hoxe o manifesto foi o laurentino Miguel Ángel Gavín e o himno galego foi interpretado polo profesor de gaita da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez, Jorge Castro.

E a alcaldesa rematou o acto comentando que “hoxe Don Paco volveu facer patria, aínda que sexa un día moi triste”.

Exit mobile version