Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis dun cento de persoas participaron na concentración de Ribadeo polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago

Foto concentracion Ribadeo 1Ribadeo, 26 de xullo de 2013. Máis dun cento de persoas se deron cita en Ribadeo este mediodía nas inmediacións do Concello para amosar o seu pesar polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago. Funcionarios, concelleiros, alcalde, veciños e turistas gardaron cinco minutos de silencio, uns nas escaleiras de acceso ao Pazo de Ibáñez e outros no parque de San Francisco. O rexedor, os edís e as persoas que alí se deron cita luciron lazos negros nas súas camisas e chaquetas en sinal de dó polo acontecido. O acto concluíu cun forte aplauso en homenaxe aos afectados por este sinistro.

Ao remate o alcalde, Fernando Suárez, dixo que “foi unha tristura grandísima que tivésemos que vivir así este día nacional de Galicia, é dos días máis tristes da historia, que eu recorde, por unha fatalidade. Agardo que se axilice a investigación do ocorrido, todo apunta a unha causa humana, pero tampouco ninguén sabe dicir a causa concreta que provocou o desgraciado accidente”.

E engadiu que “facémoslles chegar desde a Corporación Municipal de Ribadeo de maneira unánime a todas as familias das vítimas o noso respecto, as nosas condolencias e a nosa mensaxe de ánimo. Sabemos que serve de pouco, pero somos un graíño máis de area de todo este universo de persoas, de institucións, etc, que nos solidarizamos con todos os afectados por este terrible accidente ferroviario”.

Exit mobile version