Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis postos e espectáculos de rúa durante o XXII Mercado Medieval de Mondoñedo que se celebra na cidade entre o 10 e o 11 de agosto

presentacion-mercadomedieval2013Mondoñedo volverá á época medieval durante a fin de semana do 10 e o 11 de agosto da man do colectivo “Amigos do Mercado Medieval” e o propio Concello de Mondoñedo.

A cita xa se converteu en todo un referente do verán mindoniense, polo que dará comezo xa na noite do venres coa xuntanza das mesnadas, a visita a San Roque, Patrón das Mesnadas Mindonienses, e o rendemento das bandeiras ao bispo Ramiro II. Xa de madrugada realizarase a entrega dos poderes de auga, lume e terra ao Mago Merlín.

O sábado día 10 de agosto, día do turista, comezarán os actos ás once da mañá coa saída da comitiva formada polo Merino, Merina e Soldados do Mariscal Pardo de Cela cara á praza da Catedral. Despois da lectura do pregón, arredor das once e media, abrirase o mercado con demostracións e venda de produtos artesáns de olería, forxa, cantería, coiro. Este ano serán arredor de 180 os stands confirmados entre os que tamén haberá postos de venda de produtos da terra. E os espectáculos de rúa tamén incrementarán a súa presenza con personaxes caracterizados por toda a cidade, mostra de aves rapaces e pasarrúas que correrán a cargo de Pista Catro, Souto Xímaro, Airiños do Padornelo, Coplas de Cego e Mesnadas Mindonienses. O menciñeiro Buqueira Novo e Cabaleiro Medieval tamén ofrecerán as súas actuacións polos distintos espazos da feira, igual ca Kote Malabar na praza da Catedral. E tamén durante toda a mañá haberá degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa.

Xa pola tarde haberá xogos populares, ademais de repetirse os pasarrúas e actuacións desenvolvidas pola mañá. E a partir das nove do serán haberá cea medieval a base de polo asado, xamón, empanada, pan e viño por un prezo de 10 euros para a que se venderán tickets na Oficina de Turismo na praza da Catedral. Antes de medianoite comezará o concerto de “Os Festicultores” na praza do Concello organizado pola asociación cultural e xuvenil Xoldra.

Na xornada dominical, repetirase a programación do sábado incluíndo ademais a celebración dunha voda medieval polo rito mozárabe arredor da unha do mediodía. As actividades rematarán cunha exhibición de cetrería na praza da Catedral arredor das sete e media da tarde, antes da clausura da XXII edición do Mercado Medieval de Mondoñedo.

Exit mobile version