Mediante dúas residencias artísticas, 12 artistas seleccionados rigorosamente por un xurado de profesionais da arte, convivirán nun proceso de creación dialogada a través dun taller conxunto e aberto. Neste sentido, Mario Outeiro precisou que “os visitantes atoparán na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, un espazo vivo, dinámico, en constante cambio, contedor de experiencias compartidas, que tomarán o público como axente activo das obras. Todo un proceso que culminará na montaxe dunha exposición colectiva coas obras resultantes”.
Reme Remedios, Senén Olano, Ruth Montiel, Gema López, Isabel Alonso e Lomarti son os artistas que formarán parte da Residencia Artística I. Para acadar un proceso enriquecedor, tanto para artistas como para público, fíxose unha selección de artistas totalmente heteroxénea en canto a idade, formación, disciplina, orixe xeográfica, conceptos e vías de traballo, de maneira que vídeo, pintura, instalación, escultura, performance, debuxo, deseño e fotografía compartirán espazo, xerando sinerxias e colaboración.
Durante a primeira semana de xullo os creadores desenvolverán o traballo colectivo no espazo e presentarán os seus proxectos. A maiores, o 3 de xullo, terán unha vídeo-conferencia con Ricard Monistrol; o día 4 realizarán unha saída a A Coruña, con visita á exposición Té con madalenas e á Fundación María José Jove, mentres que o día 5 terán unha charla coa comisaria independente Amabel González. Durante a segunda semana de xullo, estes seis artistas procederán á realizar a montaxe da exposición, que se inaugurará o día 11 e que estará aberta ao público ata o 28 de xullo.