Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente mellorará a depuradora de Porto e construirá un sistema de depuración en Reme

Santiago, 13 de xullo de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Ribadeo colaborarán nas obras para mellorar a depuradora de Porto e a construción dun sistema de depuración en Reme.

Así se recolle nun convenio de colaboración entre o departamento responsable do Medio Ambiente e o Concello de Ribadeo asinado polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde, Fernando Suárez Barcia. Esta colaboración implica un investimento de case 80.000 euros e permitirá mitigar os efectos antropoxénicos negativos sobre o espazos natural da Zepa (Zona de especial protección de aves) de Ribadeo.

Esta acción encádrase dentro do convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e a Xunta para o apoio á xestión e ao desenvolvemento sostible nas reservas de biosfera de río Eo, Oscos e Terras de Burón e Transfronteiriza Gerês-Xurés.

As obras consistirán en mellorar a depuradora de augas residuais de Porto mediante un sistema de depuración, na construción e acondicionamento dos colectores, na instalación da condución eléctrica e na construción das arquetas correspondentes e dous pozos filtrantes. Tamén se construirá un sistema de depuración en Reme e se renovará o colector de augas residuais e canalización eléctrica baixo terra, ao tempo que se eliminarán os residuos sólidos na ZEPA de Ribadeo.

En definitiva, trátase de minimizar o impacto das augas residuais destes núcleos na ZEPA de Ribadeo incluída na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, co fin de mellora do espazo público e natural que contribuirá a mellorar da calidade de vida dos veciños deste concello da Mariña lucense.

Obrigas dos asinantes
Coa sinatura deste convenio a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asume a obriga de dirixir e coordinar as actuacións necesarias para a execución das obras de mellora da depuradora de augas residuais de Porto e do sistema de depuración en Reme.

Pola súa banda, o concello de Ribadeo deberá poñer a disposición da Consellería, libres de cargas e gravames, a totalidade dos terreos, para a execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarios para leva-las a cabo. Tamén deberá asumir, unha vez recepcionadas as obras, a explotación, mantemento e conservación desta infraestrutura hidráulica.

Exit mobile version