Site icon Crónica3.com A Mariña

Neves Cando renuncia como concelleira do BNG en Burela

O pleno municipal celebrado este martes 23 de xullo en Burela daba coñecemento da renuncia de Neves Cando como concelleira do BNG. Desde o BNG de Burela manifestamos o noso respecto e apoio absoluto a esta decisión, que xa fora comunicada á propia organización.

Esta decisión xa fora tomada hai un tempo e consensuada co conxunto da organización, entendendo que este era o momento máis apropiado para facer efectivo un cambio na portavocía municipal do BNG, xusto cando nos atopamos no ecuador da actual lexislatura. Durante estes dous anos de traballo desde a oposición, Neves Cando veu colaborando estreitamente cun Consello Local totalmente renovado, facilitando que o propio proceso de renovación no que se atopa o BNG se puidese facer dun xeito tranquilo e responsable.

Desde o Consello Local do BNG queremos agradecer o traballo desenvolvido por Neves durante todos estes anos, ben desde o goberno municipal ou ben desde a oposición. Destacar todos os avances e melloras que desde o equipo de goberno se fixeron en materia social, en cultura e en deportes entre os anos 2007-2011. Desde a entrada do PP no goberno en 2011 produciuse un radical retroceso nestes ámbitos, onde os servizos socias son máis caros para os usuarios e usuarias, a programación cultural é practicamente nula e desapareceron as axudas ao deporte de base. Destacar tamén o traballo realizado desde a oposición, cunha preparación exhaustiva dos plenos, análise da documentación, control do labor de goberno, fiscalización das finanzas públicas e propostas de mellora a través das mocións presentadas.

En definitiva só podemos dar as grazas a Neves Cando polo seu labor realizado desde o BNG ao servizo dos veciños e veciñas de Burela durante os últimos anos. Respectamos de forma absoluta, como non podía ser doutro xeito, esta decisión persoal e agradecemos tamén a súa disposición a continuar colaborando coa organización en todo o que sexa preciso, mantendo neste sentido o seu compromiso co proxecto nacionalista polo que traballa o BNG.

Exit mobile version