Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela e o concelleiro de urbanismo entregaron na Xunta a documentación para a elaboración da memoria ambiental do PXOM

Burela, 18 de xullo de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, acudiu este xoves pola mañá á Xunta en Santiago xunto ao concelleiro de Urbanismo, Manuel Fernández Valle, a entregar a documentación para que a Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental elabore a memoria ambiental do PXOM. O rexedor agarda aprobar definitivamente o plan cara finais de ano, si todos os prazos se van cumprindo segundo o previsto.

Segundo González Barcia, “este é, por así dicilo, o antepenúltimo paso para a aprobación definitiva do documento. Levamos uns dous anos de intenso traballo para elaborar o plan xeral de ordenación municipal e hoxe se pode dicir que entramos na recta final. A partires de agora a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental, debe de elaborar a memoria ambiental e de sostibilidade do noso plan xeral de ordenación municipal. Esa memoria debe despois publicarse no Diario Oficial de Galicia, e posteriormente o Concello de Burela xa poderá aprobar provisionalmente o plan. A partir de aí, evidentemente logo despois de ser aprobado o plan con carácter provisional, é cando hai que envialo de novo á Xunta, neste caso á Secretaría Xeral de Urbanismo, para a súa aprobación definitiva”.

O edil popular recoñece que “é moi aventurado dar prazos porque en calquera momento, como levo dito xa en tantas ocasións, pode haber calquera tipo de atranco, non creo que sexa este o caso porque ten habido xa reunións abondas coa Xunta a distintos niveles. Por un lado, coa propia Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental e por outro lado, coa propia Secretaría Xeral de Urbanismo e con outros departamentos que están implicados na emisión de informes. Polo tanto, eu estimo que vamos a estar nos prazos que nosoutros marcamos xa hai tempo. É posible que a finais do presente ano poidamos ter o plan aprobado definitivamente. A partires de aquí, nosoutros vamos a estar en permanente contacto, como non podía ser doutro xeito, tanto co equipo redactor como coa propia Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade ambiental por se houbese que corrixir algún tipo de documentación ou houbese que emendala”.

O alcalde burelés agradece “o traballo e a colaboración tanto do equipo redactor como da propia Xunta de Galicia, xa que encontramos en tódalas reunións que se mantiveron con ela unha receptividade a verdade que fora do común, é dicir, sempre orientando, buscando solucións fáciles e facilitándonos o traballo ó equipo de goberno. Polo tanto, agora queda estar pendentes de se hai que enviar ou completar algunha documentación e vamos esperar a que a Xunta de Galicia cumpra o prazo que ten para a emisión desta memoria ambiental e poder aprobar o plan provisionalmente que xa sería, por así dicilo, o penúltimo paso para que Burela conte cun documento que poida garantir o desenvolvemento do noso Concello de forma harmónica e de forma incluso tamén con seguridade xurídica, que deso se trata”.

Exit mobile version