Burela, 11 de xullo de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, cualificou de auténtico éxito o concerto de Ara Malikian Ensemble e anunciou a intención de seguir potenciando estas actividades que promoven tanto a música como o concello.
O concerto deste mércores 10 de xullo, segundo contou o rexedor: “foi realmente fantástico e será recordado durante moitísimo tempo xa non soamente pola xente de Burela se non por todas as persoas que, asistiran ou non, tiveron noticia del. Burela púxose no mapa do mundo musical non só na provincia de Lugo, senón a nivel autonómico, e a verdade é que foi todo un éxito. A Casa da Cultura estaba totalmente chea de público, que se comportou de forma exemplar e aplaudiu a rabiar porque a actuación foi espectacular e memorable”.
Debido a isto González Barcia agradece ó público “a paciencia que tivo á hora de entrar, porque organizar un acto así non é nada sinxelo nunha poboación como a nosa e coa configuración física que ten a propia Casa da Cultura, e tamén agradecerlle á Escola de Música, tanto ó seu director como á Asociación de Usuarios da Escola de Música, ós pais e nais dos seus alumnos, a súa colaboración para que o concerto saíra como saíu”.
É intención do Concello seguir a potenciar este tipo de actividades e, como sinala o rexedor, “non se descarta a organización de concertos similares ó de onte por dúas razóns fundamentais: primeiro, porque desa forma estamos potenciando a educación musical e segundo, estamos impulsando Burela e, nos tempos que corren, calquera medida ou evento que se organice é bo para continuar de algunha forma dinamizando a nosa vida económica e poñendo Burela de relevo porque é unha maneira tamén de atraer visitantes”. Engade que “en canto á organización probablemente haxa que corrixir algúns defectos, pedimos perdón polos posibles erros que puidemos ter cometido, pero o que si é certo é que a nosa idea, como dicía antes, é continuar por esta liña que creemos sinceramente que é unha liña positiva e magnífica para promover a música e Burela”.