Site icon Crónica3.com A Mariña

A Feira do Bonito de Burela celebrarase o 3 de agosto coetaneamente a Produart 2013, do 2 ó 4

Burela, 23 de xullo de 2013. O barco museo Reina del Carmen acolleu este mediodía a presentación da feira do bonito que se desenvolverá o vindeiro 3 de agosto na explanada portuaria. O alcalde, José Mª González Barcia, definiu a feira do bonito coma un referente do verán en Burela e en toda A Mariña lucense.

O rexedor dixo que “a festa do bonito é un evento entrañable para Burela, é un acto xa consolidado e un referente do verán en Burela e en toda A Mariña. Agardamos repetir o éxito de anos anteriores”. González Barcia agradeceulle á Sociedade Cultural Ledicia e a todos os seus colaboradores “o seu traballo desinteresado, xa desde días antes para que a festa do bonito sexa un auténtico éxito”.

A feira de produtos ecolóxicos e artesanais Produart 2013 está organizada pola Fundación Expomar, “entendemos que tamén está consolidada e ven configurar xunto coa festa do bonito esa primeira fin de semana do mes de agosto, que para os bureleses e os mariñáns é un referente. Animamos a todos os que se atopen pola zona nesa época a vir a Burela durante esa fin de semana, porque todo vai ser sumamente atractivo”. O rexedor lembrou que “Produart é unha feira de artesanía, ecoloxía e medio ambiente, como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, é fiel reflexo dos valores da postmodernidade. Así, dende esta plataforma búscase o desenvolvemento dos sectores relacionados con outra forma de produción non agresiva: a ecolóxica e a artesanal. Buscamos promover entre os nosos visitantes as ideas de sustentabilidade e de respecto ao entorno, servindo ademais como reclamo da actividade turística da zona que busca a calidade e aposta por estes xeitos de vida. O apoio das pequenas empresas con iniciativas nestes eidos e a promoción dos produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, son outros dos nosos obxectivos”.

Produart 2013 dará comezo o 2 de agosto coa inauguración oficial, que está prevista para as 19:00 horas. Durante os tres días de duración do evento haberá mesas redondas, demostración de encaixe de bolillos, obradoiro de ecoxogos, etc, non faltarán as demostracións e degustacións nos stands da feira e no espazo adicado ás actividades por parte dos expositores. Ademais no recinto feiral na nave de redes poderase ver a exposición As nosas confrarías, sobre a importancia do sector pesqueiro e marino na Mariña de Lugo. Está cedida pola Federación de Confrarías de Lugo. O horario de visita a Produart será de o 2 de agosto de 17:30 a 22 horas e o sábado e o domingo abrirá de 11:30 a 14 horas e de 17:30 a 22 horas. A Fundación Expomar, organizadora deste evento, agradece a colaboración da Deputación Provincial de Lugo, da Federación de Confrarías, da Confraría de Pescadores burelesa e do Concello.

O ano pasado achegáronse a Burela durante a primeira fin de semana de agosto a disfrutar da feira do bonito e de Produart arredor de 10.000 persoas, “cifras que agardamos manter neste 2013”. Hai un ano a ocupación hostaleira na vila chegou ao 100%.

Exit mobile version