Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ó Goberno local de Cervo de dividir á Comisión da Sanidade Pública e incumprir o acordo plenario

Cervo, 3 de xullo de 2013. Mentres as listas de agarda seguen aumentando nos centros de saúde de San Cibrao e Cervo con esperas de sete e tres días respectivamente, o SERGAS dende onte fixo oficial de facto a perda dunha praza facultativa no centro de saúde de San Cibrao, aínda que oficiosamente xa era así dende fai varios días co traslado da súa titular para cubrir a baixa por vacacións do até agora médico en Cervo. O concello perde definitivamente unha das catro prazas médicas que existían dende 2009 sen que fosen atendidas as demandas da Comisión na Defensa da Sanidade Pública de Cervo e tampouco o acordo plenario da corporación do 20 de xuño pasado no que o goberno local non puxo moitos esforzos, mais ben ao contrario.

XA ABONDA DE MÁCARAS, NIN OS DIRIXENTES DO PP NIN O GOBERNO LOCAL TEÑEN INTENCIÓN DE TRABALLAR NA RECUPERACIÓN DO FACULTATIVO PERDIDO EN CERVO.

Os nacionalistas cargan responsabilidades no goberno municipal do PP que “estivo mais preocupado por dividir a comisión na defensa da sanidade pública en Cervo que en defender a recuperación das catro prazas facultativas no concello”, para isto non tivo reparos en usar asociacións satélite do propio PP para dinamitar esta unidade cun discurso público que coincidía escandalosamente co que o propio PP manexou no pleno do 20 de xuño. Para o BNG é evidente que o goberno local non cumpriu o acordo plenario que o obriga a demandar a recuperación da praza de facultativo perdida, dedicouse a outras cousas, polo que, segundo o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, “xa abonda de máscaras, nin os dirixentes do PP de Cervo, nin o goberno local teñen ningunha intención de traballar neste obxectivo”.

A PERDA DUNHA PRAZA MÉDICA NO CENTRO DE SAÚDE DE SAN CIBRAO É UN FEITO OFICIAL DENDE QUE ONTE.

A perda dunha das catro prazas médicas no concello é xa un feito oficial dende o día de onte cando expiraron as vacación do até agora médico do centro de saúde de Cervo que agora pasa á xubilación. A súa substitución por traslado forzoso dunha das titulares do Cervo de saúde de San Cibrao até onte podía permitir un fío de esperanza para unha posíbel marcha atrás do SERGAS en función da presión social e a do propio goberno local para a contratación de persoal das listas de contratación do propio SERGAS que permitiría recuperar as tres prazas en San Cibrao e manter cun substituto o centro de saúde de Cervo. Os efectos do recorte xa están á vista con listas de agarda que non existían até agora e que se incrementarán coa chegada do verán.

AO ALCALDE DEBÉRALLE QUEDAR CLARO QUE OU SE DEFENDEN OS INTERESES DO CONCELLO OU OS DO PARTIDO POPULAR

É mais que evidente, apuntou o BNG, que o obxectivo de manter aberto o centro de saúde de Cervo foi debido á presión social e política, agora deberase exercer a mesma presión para recuperar a praza perdida en San Cibrao. Para os nacionalistas “si o goberno local non está disposto a cumprir o mandato plenario e a exercela como corresponde será tan responsábel como o SERGAS do deterioro da calidade asistencial no concello”, o portavoz municipal nacionalista insistiu en que “aquí só caben dúas opcións, ou se defenden os intereses do concello ou os do partido, non vale dicir unha cousa por diante e facer outra ben distinta por atrás.”

Exit mobile version