Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma en Barreiros que “non decapitarán a Galiza mentras haxa pobo galego que loite pola súa defensa”

FOTO VIII MANIFESTA (2)A VIII edición da Manifesta da Patria Galega desenvolveuse na xornada do domingo en Barreiros, na Fraga do Santo Estevo do Ermo. Durante todo o día, as persoas asistentes disfrutaron do xantar popular, cuxo prato central foi o bonito; da música tradicional e de boa compaña.
Antes de comezar o xantar, tiveron lugar as intervencións políticas de Belén Fernández, responsábel local do BNG; Ana Ermida, portavoz nacionalista en Barreiros e do deputado no Parlamento de Galiza por Lugo, Cosme Pombo.

Para os nacionalistas “o 25 de xullo é unha data fundamental no calendario das galegas e dos galegos e, este ano máis ca nunca, debe servir para amosar o rexeitamento das políticas que nos impoñen e arruínan ao noso País e á xente.”

O BNG animou aos barreirenses a “acudir á manifestación do vindeiro 25 de xullo en Compostela, para o que haberá autobuses desde A Mariña, e tamén a pendurar nas súas fiestras e balcóns a bandeira da Patria Galega como un símbolo de rebelión, de orgullo de galegos dispostos a loitar porque as mulleres e homes deste País poidan vivir dignamente, do seu traballo na nosa terra”, manifestaron os nacionalistas.

Cosme Pombo acompañou ás veciñas e veciños durante toda a xornada e dirixiuse a eles para recordarlles como “historicamente os inimigos da Galiza sempre quixeron vela decapitada, sen cabeza que puidera defendela dos continuos ataques e aldraxes aos que a someten.” Apoiou esta afirmación coa referencia ao Alba de Groria de Castelao, onde falaba de símbolos coma Prisciliano ou o Mariscal Pardo de Cela decapitados. O deputado nacionalista afirmou que “as galegas e galegos poden ter a seguridade de que non lograrán decapitar a Galiza, por moito que o intenten, mentres haxa mulleres e homes dispostas a loitar pola súa liberación man a man co Bloque Nacionalista Galego. Por iso o vindeiro 25 de xullo será unha xornada de loita pola liberdade, pola xustiza e polo dereito a ser galegas e galegos e exercer como tal sen complexos.”

Exit mobile version