Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que a perda das bandeiras e os verquidos á praia son o exemplo gráfico dos oito anos de desastrosa xestión do popular Alfonso Fuente para Barreiros

rolda 1Barreiros, 31 de xullo de 2013. O BNG aposta por outro modelo de xestión e de promoción turística e por iso cren que “os instrumentos dos que se dote o concello para regular o uso das praias teñen que ter como finalidade promocionar o litoral barreirense e garantir que as persoas usuarias dos areais poidan disfrutar en condicións de seguridade e hixiene das mesmas.

Nese sentido, a portavoz nacionalista en Barreiros, Ana Ermida, explicou as alegacións presentadas polo BNG coas que pretenden que a ordenanza sirva tamén para darlle un pulo e reforzar a imaxe turística do concello. Por esa razón, prevese a información e promoción, nos circuitos nacionais, estatais e internacionais existentes, de zonas preferentes para a práctica do naturismo ou o nudismo e habilitar zonas ás que acceder con mascotas tamén en temporada e horario de baño. Neste sentido, modifícase o artigo relativo á presenza de animais para pasar de prohibila a regular as obrigas das persoas que accedan aos areais con eles, tales como sinalar como infracción grave a non recollida e correcto depósito das defecacións nos lugares habilitados para tal fin.

Para o BNG “a ordenanza presentada inicialmente polo Alcalde de Barreiros non serve para ningún fin, mais que para ter contentos a quen lle pediron que se fixera con unha normativa. Pero o desleixo e a falta de traballo deste goberno municipal lévanos ao absurdo de ter unha ordenanza copiada que regula cuestións inservibles para Barreiros e na que se obvian obrigas básicas para que o concello garanta o disfrute das praias.”

Os nacionalistas tamén presentan alegacións que regulan obrigas para o Concello, tales como a inclusión da regulación do mantemento e limpeza dos areais, os medios cos que contarán os postos de salvamento e socorrismo, os dereitos á información, a concienciación cidadá ou a obriga de dotar ás praias de aseos fixos ou temporais nas correctas condicións hixiénico-sanitarias, de sistemas adecuados para a recollida dos distintos residuos (como por exemplo, as defecacións de animais) e de zonas específicas de aparcamento para bicicletas, patinetes e similares en condicións de seguridade.

Os nacionalistas pretenden que se garanta que o servizo de salvamento e socorrismo se adique exclusivamente ás funcións para as que é contratado e goce de autoridade no que respecta ás orientacións e indicacións por razóns de seguridade. Descárgase a estes servizos, coas alegacións, da vixianza do cumprimento desta ordenanza noutros aspectos distintos da seguridade das persoas usuarias dos areais e prevese a posibilidade da creación dun corpo adscrito ao servizo de Protección Civil para tal fin.

O BNG recórdalle a Alfonso Fuente que el foi o primeiro en rebentar un izado de bandeiras o 4 de xullo de 2004.
Para o BNG o xeito de elaborar esta ordenanza dá mostra de cómo se xestiona o concello por parte do Alcalde popular e aseguran que “Alfonso Fuente é incapaz de xestionar Barreiros. Non só é que non consigue nada para Barreiros, senón que perde e destrúe o que hai feito no Concello.”
Antonio Veiga afirmou que “Alfonso Fuente non traballa por este concello, senón que intenta ir escorrendo o vulto ata que algo lle estoupa nas mans.” Como exemplo sinalou a mala xestión feita na promoción da costa e as praias de Barreiros, “da que a retirada das bandeiras azuis é a punta do iceberg”, ou do urbanismo, “ao que anda dándolle voltas agora para tapar as ilegalidades que permitiu hai uns anos.”
No primeiro caso, crea unha ordenanza de praias copiada literalmente doutros lugares, sen molestarse sequera en adaptala á nosa realidade. Presenta candidatura para conseguir bandeiras azuis, cando non conta cos medios suficientes para mantelas e non se preocupa de solucionalo ata que as retiran. Obvia as propostas que desde o BNG se fan para promocionar os baños de setembro. Ademais, minte deliberadamente e tenta desviar a atención e as culpas cara outros, sendo incapaz de facer autocrítica e asumir as súas propias responsabilidades. Así, a responsábel do BNG en Barreiros, Belén Fernández, lembrou que “o verán pasado xa foi advertido de que na praia de Arealonga se estaba producindo un verquido que poñía en perigo o mantemento da bandeira azul. E el, en lugar de asumilo e tentar arranxalo, o que fixo foi negar a evidencia, dicir que non había verquido nin cheiro e acusar ao BNG de mentir para chamar á atención. E agora vemos as consecuencias do seu xeito de actuar e das súas irresponsabilidades.”

“Cando Barreiros, estando dotado como está de varios quilómetros de areais, podía converterse nun referente turístico, facendo promoción conxunta entre o Concello e os negocios adicados a este fin; o único que se lle ocorre a Alfonso Fuente é importar un modelo urbanístico e turístico esgotado, sen futuro e destrutor do litoral. Porque o Partido Popular e este Alcalde son especialistas en destruír: desde a destrución das instalacións coas que contaba este concello hai máis de 10 anos co derrubo do Complexo con Jaume Matas como Ministro de Medio Ambiente, á destrucción paisaxística á que someteu a Barreiros, á destrución económica do Concello; pasando pola destrución dun referente turístico como son as nosas praias”, sentenciou Antonio Veiga.

O concelleiro nacionalista recordou que “Alfonso Fuente foi o primeiro concelleiro en rebentar un izado de bandeiras azuis; cando en xullo do 2004, sendo este concelleiro de turismo do PP e sendo Alcalde o seu compañeiro de partido, o falecido Luis Fraga; non acudiu ao acto de izado e saiu publicamente criticando o estado en que se atopaban as praias. Queda ben clara a súa catadura moral, que nin sequera respectou aos seus compañeiros de partido.”

Os nacionalistas pregúntanse a este respecto “se as críticas só afectan ao turismo se se fan desde a oposición e se a súa deslealdade naquel momento non lle afectaba ás persoas visitantes.”
No caso do urbanismo, os nacionalistas consideran que “implantou un modelo que destruiu paisaxisticamente o concello e que o único que deixou é uns servizos de peor calidade e máis caros para as veciñas e veciños. E ademais, endebedou o concello en 2,5 millóns de euros recoñecidos, despois de ter ingresado só nun ano 2 millóns de euros en licenzas.”

Estes dous exemplos son os que o BNG sinalou como exemplo da nefasta xestión do Partido Popular en Barreiros, con Alfonso Fuente á cabeza, e da súa incapacidade para estar ao fronte dunha institución pública xa que consideran que “un Alcalde ten que ter plena adicación ás veciñas e veciños, aos seus problemas e a desenvolver o seu concello e non adicarse a ser un mal xestor que o único que fai é tapar problemas cando os puido ter solucionado.”

Exit mobile version