Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que o alcalde de Barreiros se convertiu no “home anuncio” tentando tapar a realidade do Concello con anuncios de pequenas obras

Barreiros, 28 de xullo de 2013. O BNG de Barreiros califica os anuncios feitos nos últimos días por parte do Alcalde de Barreiros como “cortinas de fume coas que pretende tapar a verdadeira situación urbanística e económica do concello.” Por esta razón, o grupo municipal do BNG ten rexistrado varias preguntas sobre cuestións relacionadas co urbanismo e coa capacidade económica do Concello para afrontar as obras de dotación de servizos básicos para que sexan respostadas no pleno de mañá luns.

Para o BNG é fundamental que se acometan as obras que permitan ás veciñas e veciños disfrutar duns servizos de calidade, pero para os nacionalistas “estas obras deben facerse dun xeito ordenado, planificado e priorizándoas en base ás necesidades da xente.” Por iso, desde o BNG urxen a que se dote a Barreiros dun plan xeral, pero non para meter pola porta de atrás unhas obras de legalización que se contemplaban no Plan Sectorial que vén de anular a xustiza; senón para garantirlle a todas as veciñas e veciños de Barreiros (tamén na zona interior do concello) que os servizos polos que están pagando se lles van prestar nunhas condicións adecuadas”, explican desde o BNG.

Para o BNG tamén é fundamental saber como ten previsto o grupo de goberno afrontar economicamente estas inversións, unha vez que a aportación de diñeiro público (que o BNG nunca apoiou) para a legalización da desfeita urbanística de Barreiros está en entredito tras o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Neste sentido, desde o BNG sinalan que “non serve que nos últimos días o Alcalde de Barreiros se teña convertido no “home anuncio” e se adique (curiosamente desde que se convocou polo BNG o acto para falar de urbanismo) a vender pequenas obras coas que pretende xustificar a súa xestión e tapar a realidade deste concello.” Desde o BNG sinalan que “o que hai que saber é que trouxo o modelo que implantou o Partido Popular para Barreiros e o que está á vista é que o seu modelo deixou un concello destruído paisaxisticamente, con peores servizos e moito máis caros para as e os barreirenses.”

Por iso, o BNG pídelle a Alfonso Fuente seriedade e respecto ás veciñas e veciños e que deixe de vender fume. Como exemplo, sinalan que a última obra que anunciou en prensa o pasado 22 de xullo (o arranxo dos accesos aos colexios vellos de San Miguel) xa a anunciara previamente o 15 de xuño. O mesmo acontece coa construción dun depósito de auga en Reinante que anunciou o 20 deste mes e xa anunciara o 27 de novembro do ano pasado, xunto coa mellora da rede de abastecemento de auga en San Miguel e que volveu a anunciar o 6 de xuño deste ano.

Polo tanto, os nacionalistas conclúen que “Alfonso Fuente está adicándose, especialmente nos últimos días, a facer anuncios baleiros de contido, repetitivos para que aparenten máis e nos que, se ben se melloran algúns servizos, se invirten cantidade ínfimas en comparación co que se debería investir despois de ter vendido Barreiros como se vendeu. Despois da desfeita que se produciu no noso concello e da situación na que quedou, o mínimo é que se fixera unha inversión seria e en beneficio do conxunto da cidadanía cos cartos que se obtiveron como ingresos naqueles anos. Os nacionalistas recordan que “só no ano 2006 os ingresos por licenzas achegáronse aos 2.000.000€. Moi lonxe dos 280.000€ aos que o Alcalde leva seis meses dándolles volta nas inversións que anuncia.”

O BNG tamén preguntará por que se retiraron as bandeiras azuis dos areais barreirenses
O grupo municipal do BNG aproveitará que se ten convocado pleno para preguntar por que nos últimos días foron retiradas das praias barreirenses as bandeiras azuis. Para os nacionalistas é un síntoma de falla de previsión e control por parte do goberno municipal, que pretende vender a inicio do verán a obtención destes galardóns e no medio do verán ten que retiralos. O BNG preguntará se no caso da praia de Arealonga, esta retirada ten a ver cos cheiros que segue emitindo a depuradora de Reinante que xa foron denunciados o verán pasado por esta formación e negados polo Alcalde. Neste sentido, reiterarán o rogo de que se fagan as actuacións necesarias para eliminalos.

O grupo nacionalista tamén preguntará cales son as funcións que están desempeñando os socorristas, xa que parece que se están encargando de funcións distintas á vixianza e salvamento dentro do horario de traballo. Os nacionalistas agardan que ese non fora outro dos motivos polos que se retiraron os galardóns.

Tamén farán chegar ao goberno municipal unha pregunta sobre o camiño das Cobas, en Vilar, que se atopa cortado ao paso despois dunha actuación municipal nel e solicitarán o seu arranxo para que poida ser utilizado polas veciñas e veciños que teñen montes nese lugar.

Igualmente, reiterarán as preguntas sobre a inversión para o albergue de Gondán e o anunciado en días pasados na variante do mar e tamén sobre a estrada Reme-Vilamar.

Exit mobile version